Colaboracións e patrocinios

[Actualización vídeo] O Mes da Ciencia organizado pola Facultade de Química conta co apoio do Consello Social

2024-05-13T09:55:52+00:0010 de Maio de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

A inauguración do Mes da Ciencia da Facultade de Química, unha iniciativa posta en marcha desde o decanato do centro coa colaboración da delegación de estudantes e apoio do Consello Social tivo lugar o mércores ás 16.30 horas no edificio Redeiras cunha charla, aberta ao público en xeral,  da química, investigadora e divulgadora Deborah García Bello, unha das persoas máis coñecidas e premiadas da divulgación científica en Galicia.

As conferencias están dirixidas a todo tipo de público, desde estudantes de ESO, bacharelato e universidade, ao persoal universitario e público xeral. “Temos tres charlas de divulgadores científicos de gran prestixio e tres de persoal que está ou se formou nas universidades galegas”, engade a decana, satisfeita de poder contar con García Bello para a xornada de apertura.

Deborah García Bello é autora do blog científicio Deborah Ciencia e investigadora do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, CICA da UdC e foi recoñecida con múltiples galardóns. É colaboradora do premiado programa de televisión Órbita Laika

O ciclo continuará o 10 de abril co profesor da Universidade de Vigo José Benito Vázquez Dorrío, catedrático de Física Aplicada recoñecido por impulsar a aprendizaxe manipulativa da física con actividades formativas e divulgativas.

O mércores 17 será a quenda de Saleta Vázquez Rodríguez, doutora en Química pola Universidade de Santiago de Compostela e, nestes momentos, directora de produción de Zendal Portugal, quen vai contar a súa experiencia como investigadora e traballadora nunha empresa biotecnolóxica. O 24 de abril contarase coa participación do divulgador Ricardo Moure, biólogo molecular pola Universidad de Salamanca e doutor en Biotecnoloxía Biomédica pola Universidad de Barcelona, quen na actualidade forma parte do elenco de divulgadores científicos do programa de TVE Órbita Laika, onde fusiona ciencia e humor.

Xa no mes de maio, o xoves 2 contarase coa participación da profesora da Área de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Carmen Barciela e o 8 de maio pecharase o mes con The Big Van, Científicos sobre ruedas, un grupo de persoas dedicadas á ciencia e á investigación co claro obxectivo de transformar a comunicación científica nun produto atractivo para todo tipo de públicos.

Aquí podemos ver o vídeo da intervención de Deborah García:

Tamén podemos asisitir ao resto da serie de vídeos do Mes da Ciencia, desde está mesma ligazón.