Actos do presidente

Ernesto Pedrosa clausura o “I Congreso sobre debates electorais televisados e novas formas de comunicación política”

2019-10-03T12:28:59+00:002 de Outubro de 2019|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios|

Durante dous días, 15 conferencias e mesas de debate e 70 comunicacións integraron o programa dun foro que reuniu expertos e profesionais para pór en común as súas reflexións sobre o presente e o futuro dos debates. O obxectivo foi preparar “un manual sobre debates electorais en España que sirva de referencia para a súa organización ás televisións, tanto públicas como privadas”, explicou o profesor Xosé Rúas, presidente do comité organizador e un dos promotores de DEBATv. A iniciativa “Debates Electorais Televisados en España: modelos, proceso, diagnose e proposta” –DEBATv– , é un proxecto de I+D+I financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, pola Axencia Estatal de Investigación e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional .

Na tarde do martes 1 de outubro celebrouse o acto de clausura no que participaron Ana Belén Fernández Souto, investigadora principal do Proxecto DEBATv, o propio Xosé Rúas, director do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da UVigo e e tamén investigador principal de DEBATv, Mónica Valderrama, Vicerreitora de Comunicación, e o presidente do Consello Social da UVigo.

Ernesto Pedrosa incidiu na súa intervención no papel social das institucións universitarias aseverando que  “A universidade non pode asistir impasible ás dificultades, nin ser insensible ás carencias éticas e sociais máis elementais. A universidade está obrigada, como mínimo, a non calar diante das agresións de calquera tipo que ameacen a convivencia, a esperanza ou o futuro; en calquera lugar que se produzan. E entendo que a comunicación resulta esencial nesta militancia”.


Reproducimos a seguir o discurso de clausura completo:

Quero empezar por dicirlles que son dos que confían na universidade como fábrica de solucións. Non digo que ela soa nos salve do modelo social especulativo, da propensión á posverdade, ou dun mundo no que a mentira vence simplemente porque ten máis éxito, porque está deseñada para telo. Dicía, pois, que quizais a universidade non poida ela soa salvarnos dese mundo desconcertante no que vivimos; pero estou seguro que dispón da capacidade suficiente para alumearnos e sinalarnos as saídas.

Esta convicción nos seus valores, móveme a afirmar que a universidade non debe ser allea aos grandes problemas que ten o mundo globalizado ao que viaxamos máis rápido do que a nosa capacidade de achegar solucións aconsella. A universidade non debe desatender a formación educadora, investigadora e humanística, pero tampouco pode dar as costas aos grandes riscos que se nos presentan, nin ás enormes simas morais que se abren diante de nós. A universidade non pode asistir impasible ás dificultades, nin ser insensible ás carencias éticas e sociais máis elementais. A universidade está obrigada, como mínimo, a non calar diante as agresións de calquera tipo que ameacen a convivencia, a esperanza ou o futuro; en calquera lugar que se produzan. E entendo que a comunicación resulta esencial nesta militancia.

Digo sempre que a comunicación é un compoñente esencial para o desenvolvemento efectivo das nosas competencias como Consello Social, un vehículo imprescindible para cumprir a misión que se nos encomendou e, seica, onde reside a maior potencialidade para facer posible que a Sociedade e a Universidade fragüen un proxecto colectivo de futuro.

Esa é unha das moitas razóns polas que me declaro especialmente orgulloso de poder estar hoxe aquí, neste foro no que as inquedanzas sociais e as fórmulas universitarias se buscan e se benefician mutuamente.

En encontros como este temos que recoñecerse os esforzos divulgativos da Universidade para que o seu traballo e a súa achega ao colectivo social sexan comunicados, apreciados e –sobre todo- valorados. Son actos sustentados na indubidable autoridade do mundo universitario á hora de informar e formar, nos que se constrúe coñecemento novo e experiencias que non se poden estudar nas aulas. E a sociedade debe sabelo. Porque son actos nos que todos somos alumnos que nos formamos ao longo de toda a vida.

A universidade fai ben cando intervén nos procesos educativos abertos fóra das aulas e das idades estudantís. E ten unha responsabilidade especial coa súa contorna, con novas metodoloxías docentes orientadas á aprendizaxe durante toda a vida, coa actualización de coñecementos e coas competencias. En iniciativas como esta é posible debater, descubrir, compartir, aplicar, comunicar, liderar saberes, reflexionar e forxar cultura. E, aínda por riba, fortalecen a cohesión social, a igualdade de oportunidades e a comprensión do mundo que habitamos.

Ben sei que nestes tempos en que a verdade importa pouco, mesmo está devaluada, mentres a mentira gaña en rango e se acomoda no mesmo plano da realidade, 40 expertos non poden solucionarnos este problema, serio problema, en case 20 horas de que tiveron para analizar e propoñer. Pero vostedes sementan certezas. Fannos entender e nos infunden esperanza. Porque con vostedes a universidade fortalece a súa identidade colectiva, crece en positivo e forxa dinámicas sociais que asentan a confianza e a credibilidade no noso destino. Con vostedes maduramos como sociedade. E crecemos como cidadáns.

Satisfaime que desenvolvesen esta valiosa vía de colaboración co Departamento de comunicación audiovisual e publicidade desta Facultade. Non vexo outra institución tan capaz de abrir camiños para reducir as desigualdades, resolver problemas reais, crear espazos para a reflexión e pechar simas morais. Nesta época de planicies vitais, a universidade debe converterse nun sentimento vertical dentro da sociedade, nunha inxección de valores sans para a convivencia, para o coñecemento ético, para a igualdade, a transparencia e para a cooperación solidaria.

Grazas a quen fixo posible este congreso. Grazas a quen o enche de contido. E grazas a quen seguirá traballando nas conclusións, para nun futuro, parafraseando a Alexander von Humboldt cando chegou ao val de Anáhuac, en México, podamos exclamar a quen nos visite: “Viaxeiro, chegaches á rexión máis transparente do aire”.