18 de decembro de 2020
De sempre, a solidariedade e a cooperación son espíritos chave nas organizacións. Primeiro polos seus efectos inmediatos. E segundo porque o seu exercicio no tempo propicia o cambio positivo de mentalidades, de actitudes e de comportamentos na forma de convivir. E esa atmosfera fainos mellores a todos e axúdanos a educar, ampliar e elevar os nosos universos persoais e mentais cara á xenerosidade e a comprensión.
É por iso que este acto ten unha moi especial relevancia para a forma na que desde o Consello Social entendemos a universidade e a súa función de sementar e inculcar valores e transferilos. Precisamente a causa á que hoxe podemos renovar o noso apoio. Grazas á iniciativa auspiciada pola vicerreitora de Responsabilidade Social, internacionalización e cooperación, Maribel Doval.
Como presidente do Consello Social alégrame que nos atopemos neste acto. E alégrame tamén que se visibilice este recoñecemento que responde ao tan expresivo enunciado de UVigo Humana. Unha marabillosa descrición plástica da universidade e da súa valiosa capacidade de estar onde a súa presenza importa.
Máis aínda en tempos nos que a pandemia trouxo tanta dor e tanto dano, cobra maior valor a acción xenerosa de quen estiveron e están en primeira liña de resposta, no contacto directo onde a vida son instantes e necesidades inaprazables e urxentes.
Non quero deixar de mencionar a María Doira, Natalia Ursula, Duarte, Marta, Deborah Celeste e Lucía Belén, merecedores dos premios TFG e TFM, entregados neste acto. Parabéns. Porque a vós tróuxovos ata aquí o esforzo e o traballo. E iniciades unha traxectoria brillante. Moita sorte.
Pero a miña felicitación hoxe debe dirixirse expresamente á Asociación Provivenda e ao Fondo galego de cooperación e solidariedade, merecedores do Premio Consello SocialU_Vigo_Humana na súa segunda edición. Con eles e a través deles quero deixar testemuño tamén do profundo agradecemento a todos os colectivos, organizacións e asociacións que actúan cos mesmos fins. E a eles especialmente, aos hoxe recoñecidos e aos seus representantes hoxe aquí, quero dicirlles que xa sabiamos que vos necesitabamos, pero esta nova situación que soportamos amosounos canto, sobre todo nestes tempos nos que algunhas respostas que esperabamos das institucións, da sanidade ou dos servizos sociais víronse desbordadas, e a coraxe e a xenerosidade cívica alargou os seus límites.
Grazas, vicerreitora. Grazas ao xurado, porque non é fácil elixir cando todos os candidatos teñen os mesmos fundamentos para seren premiados e son gañadores claros. E grazas, Reitor, por conducir á UVigo cara á formación nestes valores, e por axudala a tecer esta sólida rede de sensibilidade e afecto.
Ernesto Pedrosa
Presidente do Consello Social da Universidade de Vigo