O traballo presentado telematicamente na mañá do xoves 18 de febreiro, continua a serie de estudos sobre inserción laboral nas persoas egresadas elaborados polo Observatorio de Persoas Tituladas. Este novo informe, que tamén contou co apoio do Consello Social, céntrase no impacto que tivo a primeira onda da pandemia no emprego do antigo alumnado da Universidade de Vigo, un estudo no que se analizan os principais resultados dunha enquisa realizada a 3.217 persoas tituladas entre os días 25 de maio e 8 de xullo do pasado ano.
Na presentación, o director do Observatorio, o exreitor Luis Espada, que estivo acompañado polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa e polo reitor, Manuel Reigosa, valorou que “este estudo é histórico e pioneiro dentro do sistema universitario galego e español e o seu contido pode servir de guía para outras institucións que queiran levar a cabo un traballo similar”. O propio Espada e mais Víctor Manuel Martínez Cacharrón redactaron entre os meses de setembro e outubro de 2020 o presente informe.
Entre as conclusións máis destacadas, salientamos as seguintes:
A gran maioria dos que responderon á enquisa conservaron o seu traballo.
En concreto, o 86% das persoas egresadas mantivérono, dato que ao entender do presidente do Consello, Ernesto Pedrosa, é unha nova claramente positiva, xa que indica “un elevado nivel de resistencia e estabilidade” do conxunto egresado da UVigo.
Máis da metade pasaron ao teletraballo.
O 54% das persoas enquisadas admitiron cambiar o seu modo de traballo habitual polo teletraballo ou traballo en remoto, que segundo Espada, “predominou máis no estranxeiro ca en Galicia”. Foi “o único medio de traballo na metade dos 46 países avaliados e foi maioritario en sectores como as telecomunicacións, investigación, banca e seguros”, salientou o director do Observatorio.
0 70% non sufriu alteración da situación económica familiar.
Máis do 70% das persoas participantes afirmaron que a situación económico do seu fogar non se viu alterada, mentres que o 25% considera que empeorou, proporción que é significativamente máis alta entre as mulleres (27,3%) que entre os homes (20,4%).
Unha rede que forma o Corpo Diplomático e que é o xerme da comunidade Alumni
A primeira parte do libro, titulada Corpo Diplomático da UVigo, amosa as 59 crónicas recibidas sobre a experiencia persoal e profesional dos egresados/as emigrados en 27 países dos cinco continentes durante o primeiro confinamento. “Con esta achega conseguimos facer unha radiografía planetaria cos representantes da rede, o noso corpo diplomático espallado polo mundo”, explicou Espada.
Ernesto Pedrosa agradeceu de xeito público o “inxente traballo” desenvolvido por Luis Espada e Víctor M. Cacharrón na posta en marcha do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo, un traballo que desde o principio estivo apoiado polo Consello Social e grazas ao cal se foi quen de configurar unha base de datos representativa e actualizada da comunidade alumni da UVigo conformada na actualidade por máis de 13.500 persoas e que serviu de base para o recente lanzamento da comunidade Alumni-UVigo. “Co lanzamento desta comunidade creamos un cumio que penso nos vai dar moitas ledicias, todo un cordón umbilical para que os fillos da casa continúen dalgún xeito unidos á institución, algo que será moi beneficioso para todos”, recalcou Reigosa.
Informacións relacionadas:
Acto completo da presentación do estudo
- O Consello Social e a Universidade presentan a Comunidade Alumni, o espazo para cristalizar o sentimento de pertenza á UVigo
- Declaracións de Ernesto Pedrosa na presentación da Comunidade Alumni
- Bota a andar a Comunidade Alumni da UVigo
- Novo vídeo do avance do estudo do Observatorio de Persoas Tituladas con disgregación por xénero, lugar de residencia, titulación…
- O estudo do Observatorio de Persoas Tituladas, relaciona a baixa porcentaxe de traballadores en ERTE coa súa elevada cualificación
- O Observatorio de Persoas Tituladas fai un estudo para coñecer o impacto da COVID-19 na situación laboral do antigo alumnado
- O Observatorio de persoas tituladas converte a iniciativa das crónicas do “corpo diplomático” en vídeo
- A instancia do Observatorio de Persoas Tituladas, o “corpo diplomático” da UVigo radiografía a vivencia da COVID-19 a nivel planetario