Actos do presidente

Preséntación pública do Plan Estratéxico da UVigo (2021-2026)

2021-05-05T11:55:02+00:004 de Maio de 2021|Actos do presidente, Novas|

O documento que nace da reflexión conxunta dos colectivos da  Universidade, do Consello Social e dos axentes sociais, foi presentado o martes 4 de maio polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, por Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, e polos presidentes das confederacións de empresarios de Galicia e de Pontevedra, colectivo que participou activamente, xunto coa comunidade universitaria, no seu deseño.

O plan substitúe ao aprobado en 2008 e ten por un dos seus eixos fundamentais  o achegamento da UVigo á súa contorna, tanto social como económica, poñendo as súas fortalezas ao servizo da sociedade e apostando pola colaboración público-privada. O presidente do Consello Social, Pedrosa, amosou a súa “satisfacción” polo feito de que Universidade involucrase ao tecido empresarial no proceso de elaboración do novo texto. Tamén remarcou o papel que as universidades desenvolveron durante a pandemia, tendo que adaptarse a situacións cambiantes, desenvolvendo a docencia virtual, dando resposta ás demandas da sociedade e poñendo en marcha proxectos para facerlle fronte á COVID19. “Como sociedade desconcertada convocamos e invocamos máis ca nunca ás universidades”, apuntaba, que executaron a súa “potente capacidade de reacción”. Agora, explicaba, neste documento recóllese o que debe ser “esa nova universidade ideal”, un texto que serve para “vehiculizar as zonas de paso entre a Universidade e a sociedade” poñéndose “ao servizo das persoas, da cidadanía no seu conxunto, do servizo e da transparencia”.

Mesa da presentación do Plan Estratéxico

O plan define 29 obxectivos para cinco anos

Elena Rivo foi a encargada de presentar os detalles do documento. Salientou que no proceso de elaboración se redefiniu a misión da Universidade, fixándose como meta “contribuír á mellora da vida das persoas e da súa contorna socioeconómica a través da docencia, da investigación e da transferencia de coñecemento”. Tamén se identificaron cinco eixos arredor dos que xirou todo o proceso (formación; investigación e transferencia; persoas; organización e os recursos e relación coa sociedade) así como tres valores transversais que están presentes en todo o plan (fomento da lingua galega, defensa da igualdade  e internacionalización). A isto súmanse os obxectivos de desenvolvemento sostible e Axenda 2030, cos que a Universidade de Vigo está aliñada. A partir destes datos, definíronse os 29 obxectivos que a UVigo aspira a desenvolver nos próximos cinco anos, cada un deles con accións e con indicadores que permiten determinar o seu grao de cumprimento e as tarefas pendentes de realizar para acadalos.

O proceso de elaboración do Plan Estratéxico estivo dirixido por un comité nomeado polo Claustro e coordinado por Jacobo Porteiro. O procedemento comezou en febreiro de 2019, cando o Claustro aprobou o procedemento para a súa elaboración.  En outubro de 2020 informouse da finalización do primeiro borrador e da súa posterior exposición pública. Tras revisar as emendas e incorporar as modificacións, foi o 16 de decembro de 2020 cando o Claustro aprobou a proposta de Plan Estratéxico, remita tamén ao Consello de Goberno, que lle deu o visto e prace o 21 de decembro. O último trámite foi a aprobación por parte do Consello Social o 23 de decembro no seu último pleno dese ano.

Preme aquí para ver o vídeo do evento