Actos do presidente

Pedrosa intervén na presentación do libro “La reforma del Plan General de Contabilidad 2021”

2021-06-25T10:36:33+00:0025 de Xuño de 2021|Actos do presidente|

La reforma del Plan General de Contabilidad 2021. Comentarios y supuestos prácticos é o título dunha nova publicación realizada por membros do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo na que se analizan as últimas novidades na adaptación deste plan ás normas internacionais de contabilidade co gallo do Real Decreto 1/2021.

A publicación, editada por Garceta Grupo Editorial, foi presentada este martes no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, por Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, e polos seus autores: Mercedes Mareque e Francisco López Corrales, profesora e profesor xubilado respectivamente do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da UVigo, e Jaime del Olmo Casalderrey, doutorando da Universidade de Vigo.

Normativa e aplicación

O libro, sinalan os seus autores, contén as principais novidades que inclúe o Real Decreto 1/2021 en relación ao Plan Xeral de Contabilidade e ao Plan Contable aplicable ás pequenas e medianas empresas (pemes). Así, engaden, nel abórdanse “os novos criterios de clasificación e valoración de instrumentos financeiros, a contabilidade de coberturas, as existencias a valor razoable e o recoñecemento dos ingresos”, entre outros aspectos. A reforma do Plan Xeral Contable co Real Decreto de 1/2021 supón, segundo indican os responsables da publicación, unha serie de cambios que afectan á contabilidade. Neste contexto, sinalan, “decidimos que era un bo momento para facer un libro sobre as súas novidades”. Esta reforma, subliñan, “o que supón é un intento de seguir adaptando o Plan Xeral Contable ás normas internacionais de contabilidade. Se ben non é unha reforma moi moi profunda si que é un paso máis neste intento de adaptación”.

A publicación divídense en dúas partes. A primeira inclúe os documentos de interese, como son o texto refundido do Real Decreto de 1/2021 de 12 de xaneiro que inclúe as modificacións introducidas polo Real Decreto 1159/2010, de 17 de setembro; o Real Decreto 602/2016, de 2 de decembro; o Real Decreto 1/2021, de 12 de xaneiro; a resolución do ICAC de 10 de febreiro de 2021 e as modificacións no Plan Xeral Contable e do Plan Xeral Contable de pemes. A segunda e última parte comprende un conxunto de supostos prácticos sobre os cambios derivados desta reforma. “Realmente a nosa achega máis interesante é esta última parte, onde propomos un conxunto de supostos prácticos de aplicación (tanto os seus enunciados como a súa resolución e comentarios) que reflicten os cambios deste Plan Xeral Contable”, afirman.

Boa acollida

Segundo explican os seus autores, a publicación está pensada atender a tres grandes públicos obxectivos. O primeiro deles é o ámbito educativo, sinalando como é de interese para alumnado e profesorado de graos universitarios, mestrados e ciclos formativos nos que nos seus plans de estudos figure a materia de contabilidade. O segundo público de interese é o de opositores ou preparadores a oposicións dos distintos corpos da administración xeral do estado, autonómica e local e o terceiro é o colectivo profesional, tanto do ámbito público como privado, deste eido, desde contables e xestores ata funcionarios da área económica de diferentes institucións públicas. “Estamos moi satisfeitos porque o libro está tendo moi boa acollida”, indican os seus responsables, que xa avanzan que están valorando a posibilidade de facer unha segunda edición na que se ampliarían os exercicios prácticos.

[Nova recollida do DUVI]