Discursos do presidente

Intervención do presidente no pleno do Consello Social do 2 de febreiro de 2022

2022-02-04T12:45:15+00:004 de Febreiro de 2022|Discursos do presidente|

É habitual asistir a discursos sobre os desafíos das universidades, os riscos que as ameazan, consellos sobre o papel que deben xogar e como facer fronte aos retos. Eu resumiríao nunha resposta: acertar nas súas decisións. E quero compartir hoxe aquí unha pequena reflexión de contexto.

Xunto aos seus propios obxectivos inmediatos, xa coñecidos, como a dixitalización, a inserción laboral, a transferencia de coñecemento ás empresas ou a internacionalización, ás universidades non lles pode ser alleo e deben facer fronte tamén aos desafíos que ten a sociedade no seu conxunto, como o cambio climático. É dicir, promover institucións cada vez máis responsables desde o punto de vista social e fomentar políticas para alcanzar unha maior igualdade de xénero. Todos estes son desafíos que implican de cheo ás universidades para que poidan asumir o liderado da sociedade á que serven.

Pero no cambiante, impredicible e esixente escenario no que estamos, engádense novos contextos de obrigada inmersión para as universidades, como recolle o último Informe da Fundación Coñecemento e Desenvolvemento (CYD). Hai fundamentalmente dous escenarios:

O primeiro, a contribución a conseguir a área europea de Educación, para que antes de 2025 as institucións comunitarias de educación  promovan alianzas institucionais para desenvolver unha cooperación estrutural e estratéxica a nivel educativo, pero tamén ligada á investigación, desenvolvemento e innovación. Trataríase de crear, en síntese, un campus europeo interuniversitario no que estudantes, profesores e investigadores poidan abordar conxuntamente os grandes problemas que ameazan a Europa, e logren superar e derrubar a grande dificultade e os obstáculos que agora existen para deseñar programas conxuntos. E mesmo crear un diploma universitario europeo. E este é un reto prioritario porque a política universitaria revelouse como unha das máis exitosas (xunto ao euro) para crear un sentimento proeuropeo.

E o segundo horizonte está nos fondos Next Generation con apartados específicos para o sistema universitario, destinados a formar e capacitar ao persoal docente e investigador e a mellorar infraestruturas dixitais, equipamento, tecnoloxías, docencia e avaliación, que reportarán un notable incremento dos recursos a disposición da ciencia e a tecnoloxía en España. Tamén aquí haberá que contemplar o impulso de consorcios entre universidades, centros de investigación e administracións, que poidan proxectar a transferencia nas mellores condicións posibles. Facer fronte a estes retos require que as universidades dispoñan de maiores niveis de financiamento e de autonomía. E tamén dun sistema de incentivos, para avanzar cara a excelencia.

Valla como exemplo, segundo o mesmo Informe CyD, que o pasado curso se impartisen 8.885 titulacións no sistema universitario español (3.613 másteres oficiais, 3.062 graos, 1.173 doutoramentos, 914 dobres graos e 123 dobres másteres. Todos eles deberon  pasar  un proceso de verificación e outro de acreditación polas axencias de calidade, o que dá unha idea da necesidade de avanzar na simplificación burocrática e administrativa do sistema e na xestión que resolvería, polo camiño da rendición de contas,  gran parte dos problemas de calidade.

Trátase, por tanto, de que as universidades teñan un marco regulatorio europeo para compartir e autonomía para optar. E en definitiva, que acerten nas súas decisións.

Ao Pleno de hoxe chega a demanda que quizá sexa a que suscita actualmente maior clamor na UVigo. A Memoria do Máster de enxeñaría aeronáutica en exclusividade para o Campus de Ourense. Lamentablemente non vai na liña de cooperación  con outras  universidades, tal e como  aconsellan os tempos, pero tentouse. Ao final foron dous anos perdidos aos que a UVigo pon fin exercendo a súa marxe de autonomía  cunha  proposta propia. Procede agora confiar en que sexa aprobada pola Xunta e poida ser verificada pola ACSUG antes de maio para que o título poida ser incluído na próxima oferta académica.

Debemos recoñecemento a quen  fixeron  posible que a Memoria chegase ao Consello de Goberno e estea hoxe aquí para o último trámite. E debemos agradecemento aos cidadáns e colectivos que se agruparon e organizaron para que  nunca esquecésemos que este era  un paso pendente de dar.

Xa nn ámbito máis próximo, infórmolles da designación do membro deste Consello Social, Juan José Santamaría Conde, como académico correspondente da Real Academia de Farmacia de Galicia –reciba a nosa felicitación- e recibimos nesta sesión ao alumno da Escola de enxeñaría  industrial, Antonio Manuel Ramos Vázquez, como novo representante do alumnado.

Teñen vostedes no seu poder o resumo de asistencias aos plenos convocados durante o ano pasado. Quero agradecerlles a súa presenza, o seu ánimo de estar  presentes e mesmo a súa contrariedade por non poder asistir. En liñas xerais o grao de cumprimento é alto e largo. Espero que 2022 nos permita diversificar os puntos de encontro e consolidar os plenos presenciais con todas as garantías, para seguir avanzando no nivel de responsabilidade actual.

Remato informándolles de que se abriu o proceso electoral para renovar o Comité executivo e a presidencia da Conferencia de Consellos Sociais. O resultado coñecerase a finais deste mes e del darei conta no próximo pleno. Tamén comunico que que recibimos varios avisos de problemas coa descarga e visualización da documentación previa ás diferentes reunións dos órganos do Consello. Conscientes diso planificáronse accións que cremos solucionarán estes problemas: Por unha banda, respecto da descarga da documentación, implementamos na nosa web unha zona privada, accesible con identificador e clave, onde non só se irá localizando a documentación previa a cada reunión, senón que se crea un repositorio de toda a documentación actual e histórica desde o ano 2018. Por outra, revisaremos o modelo de arquivo da documentación entregada solucionando os problemas que xeran os “cartafoles” de Adobe Acrobat, e procuraremos crear un protocolo para que  os documentos que reciben as persoas membros do Consello  non teñan problemas de permisos para a súa visualización e manexo.

Convidaremos ao próximo pleno ao responsable da web para resolver e aclarar estas cuestións.