Tras cinco edicións celebradas en centros de referencia de todo o mundo, o congreso internacional Variation and Language Processing, VALP6, chegou á UVigo na súa sexta convocatoria. Organizado polo grupo Language Variation and Textual Categorisation da Universidade de Vigo, este simposio reuniu do 26 ao 28 de xuño, no museo Marco, especialistas de campos tradicionalmente distintos como a psicolingüística, a sociolingüística, a ciencia cognitiva, a fonética experimental, a sintaxe e a pragmática que traballan sobre a relación entre a variación lingüística, no seu sentido máis amplo, e o procesamento da linguaxe.
En total, participaron nesta cita arredor de 60 expertos e expertas de 13 países, converténdose nunha importante oportunidade para intercambiar coñecementos, enfoques de traballo e experiencias previas, así como para formar o alumnado de posgrao da Facultade de Filoloxía e Tradución que traballa no eido da lingüística e nos estudos ingleses, hispánicos, galegos e de tradución e interpretación.
Nos tres días que durou o congreso celebráronse 34 relatorios de investigadoras e investigadores de Alemaña, Australia, Canadá, Dinamarca, Eslovaquia, España, Estados Unidos, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, Suecia e Suíza. En total, como explican dende o comité organizador, o congreso recibiu sesenta propostas de gran calidade que abordan o procesamento dende a perspectiva sociolingüística (convención, estereotipos, pronuncia etc.), psicolingüística (recoñecemento, memoria, percepción etc.) e informática (machine learning). Algúns destes traballos céntranse en linguas maioritarias (inglés, chinés, castelán, portugués europeo e brasileiro, italiano, alemán, xaponés, polaco, checo etc.) pero outros achegan novas investigacións sobre linguas minoritarias como o quechua ou o māori, grupos bilingües en Porto Rico, Cataluña ou Reino Unido, grupos de aprendices, ou usuarios e usuarias de linguas de signos. O congreso é, pois, “de gran valor dentro do campo da lingüística a nivel tipolóxico (diversidade e universalidade) así como a nivel metodolóxico, xa que todos os traballos empregan métodos empíricos de vangarda, como eye-tracking, EEG etc.” explica o profesor David Tizón, responsable do comité local.
O Consello Social colaborou con esta iniciativa.