Colaboracións e patrocinios

A 3ª edición do festival científico CinVigo, co apoio do Consello, referente da divulgación científica

2025-04-28T11:51:35+00:0028 de Abril de 2025|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Este 2025 é o terceiro ano no que o festival científico CinVigo enche a Porta do Sol de Vigo de xente e de ciencia. CinVigo está organizado polo CINBIO e conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e do Consello Social entre outros patrocinadores.

Nesta edición puidemos ver desde unha alternativa ecolóxica ao carbón vexetal ata un estudo sobre a resistencia aos antibióticos, pasando pola exploración das aplicación dos bioplásticos. Múltiples propostas para impulsar o avance da sociedade a través da ciencia e todas elas ideadas con ilusión, esforzo e implicación por unha canteira de máis de 250 científicas e científicos dunha trintena de centros de Secundaria, Bacharelato e FP galegos. En total, uns 70 proxectos presentados na fin de semana do 26 e 27 de abril que tivo unha multitudinaria asistencia.

A finalidade deste evento, organizado polo CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina é achegar o coñecemento científico a toda a sociedade e fomentar as vocacións científicas entre a mocidade e a cativada. O evento estivo aberto á cidadanía con actividades para todas as idades, como espectáculos de ciencia, obradoiros científicos para público infantil ou unha xincana científica que, grazas á colaboración e participación do equipo da asociación Discamino, fixo de CinVigo un festival máis inclusivo.

250 científicos e científicas

A feira científica, un dos eixos centrais do CinVigo, congregou equipos de estudantes de institutos de Ourense, Tomiño, Nigrán, Soutomaior, San Cibrao de Viñas, Catoira, Cangas do Morrazo, Mos, Redondela e, por suposto, Vigo. Despois de semanas de traballo previo, arredor de 250 mozos e mozas expuxeron en público durante a fin de semana os seus proxectos e acadaron máis de 12.000 votos rexistrados nunha aplicación coa que se decidiu o premio do público, que foi para Faro Sostible, unha proposta elaborada por estudantes de 1º de ESO do Colexio Apóstol Santiago. Tanto este como o resto de premios foron entregados nun acto de clausura que deu comezo pasadas as 13.00 horas do domingo. Na categoría Early researchers o premio foi para o proxecto Plantas eléctricas, presentado por estudantes de 2º de ESO do CPR Santiago Apóstol de Soutomaior. Pola súa banda, na categoría Young researchers, para alumnado 3º e 4º da ESO, o proxecto gañador foi Cristais Hidrófobos do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño. O acto rematou coa entrega do primeiro galardón da categoría Teen researchers para o alumnado de 1º de Bacharelato do IES A Guía, de Vigo, polo seu proxecto Microplásticos ao descuberto.

Dende a organización destacan a alta asistencia de público ás actividades,  800 nenos e nenas a desfrutar de obradoiros científicos infantís. Entre outras propostas, pudieron crear pulseiras sensibles á luz ultravioleta, explorar as propiedades da electricidade mentres constrúen circuítos con plastilina condutiva ou descubrir os mundos microscópicos.  Ademais, o evento tamén incluíu o espectáculo Cienceando, que ofreceu un percorrido pola historia da ciencia a través de demostracións e experiencias espectaculares, así como a oportunidade de converterse en detectives por un día na xincana CinVigo Holmes polas rúas de Vigo.