Carmen García Mateo

Carmen García Mateo2026-07-16T10:35:36+00:00

É enxeñeira de Telecomunicación (1987) e doutora en Enxeñaría de Telecomunicación pola Universidad Politécnica de Madrid (1993). A súa investigación céntrase na tecnoloxía da fala en galego e castelán, a segmentación de audio, o recoñecemento biométrico e a detección por voz de enfermidades neurodexenerativas.

É catedrática da Área de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade de Vigo e responsable do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM). Foi vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea (2006–2010), coordinou o Programa de doutoramento en tecnoloxías da información e comunicacións (DocTIC) de 2012 a 2019 e dirixiu o Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións entre 2017 e 2019.
Dirixe e coordina proxectos competitivos e teses doutorais e presentou máis de 150 publicacións en revistas e congresos internacionais. Participa regularmente en iniciativas de formación, promoción e divulgación para reforzar a presenza feminina en carreiras de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM).

Entre os seus proxectos destacan Cotovía (primeiro conversor texto-voz bilingüe en galego e castelán), VOGATEL e FalAI (recollida de voz en galego para o adestramento de sistemas conversacionais), COPERIA (detección de covid persistente mediante a análise acústica de tose e voz) e VISIA (sentinela de risco de suicidio en adolescentes baseado en intelixencia artificial).
En 2014 recibiu o premio Josefa Wonenburger da Xunta de Galicia pola súa traxectoria en ciencia e tecnoloxía. Foi membro do plenario do Consello da Cultura Galega de 2016 a 2024 e coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación de 2018 a 2024.