A viguesa Ana Comesaña chega á Xerencia da UVigo desde a Subdirección Xeral de Relacións Laborais e Actuacións Xurídicas do Servicio Madrileño de Salud, tras desempeñar responsabilidades como directora xeral de Recursos Humanos do Sergas e subdirectora de Recursos Humanos do Servicio Canario de Salud. Ao longo da súa traxectoria liderou procesos de negociación colectiva, acordos de carreira profesional, estabilización de emprego, planificación de cadros de persoal e proxectos de modernización e dixitalización da xestión de persoal en organizacións con decenas de miles de profesionais. Conta, pois, cunha experiencia de máis de 30 anos en dirección de recursos humanos, relacións laborais e organización de grandes institucións públicas.
Iniciou a súa traxectoria profesional no Sergas como Subdirectora Xeral de Políticas de Persoal, para incorporarse en 2008 á Vicexerencia de Persoal da UVigo, que deixaría en 2010 para regresar ao Servizo Galego de Saúde, onde permaneceu ata 2024, momento no que exercía como directora xeral de Recursos Humanos. Tras un ano como subdirectora de Recursos Humanos no Servicio Canario de Salud, incorporouse en xullo de 2025 ao Servicio Madrileño de Salud como subdirectora xeral de Relacións Laborais e Actuacións Xurídicas.