Comisión de actividades e servizos

A Comisión de Actividades e Servizos concede, entre outras, unha axuda para a celebración da Feira internacional de emprego Vigo-Porto

2020-02-21T13:12:03+00:005 de Outubro de 2017|Comisión de actividades e servizos|

O mércores 4 de outubro, ás 12.15 h., celebrouse unha reunión ordinaria da Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social na que se trataron os seguintes puntos:

PUNTO 1

Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (21.07.2017).

  • Apróbase por asentimento.

PUNTO 2

Informe do presidente.

Don Ernesto Pedrosa contextualiza o valioso traballo que se está a facer sobre os Egresados durante os 25 anos da Universidade de Vigo, sobre todo polo achegamento e retorno á propia universidade de miles de profesionais que están a ser localizados por todo o mundo, gracias ao “heroico” traballo que está a facer o equipo dirixido por don Luis Espada, a quen cede a palabra como director da iniciativa, e que de seguido presenta unha sinopse do traballo que está a desenvolver xunto con don Víctor Manuel Martínez sobre os Egresados da UVigo entre 1990 e 2015. Trala elaboración do estudo sobre as 71.487 persoas tituladas na historia da universidade (co que se fixo un libro), informa sobre a segunda parte que se está a rematar (que se plasmará nun novo libro) e na que se fai un análise individualizado da especialización profesional das persoas tituladas. Explica o cronograma do esixente traballo e cuantifica as sucesivas fases de obtención de información, procesamento de datos, metodoloxía dos contactos e captación de datos. Esta segunda parte céntrase nos 11 mil Egresados dispostos a manter contacto aberto e colaborar coa UVigo, así como coñecer a súa situación laboral e outros aspectos relacionados ca súa formación, a adecuación dos estudos ao traballo que desenvolve ou a mobilidade xeográfica. Neste intre apunta que o 11% traballan no estranxeiro en 67 países dos cinco continentes. Ofrece algúns datos recollidos nas 25 páxinas de conclusións do estudo, que será publicado este mesmo ano. Como terceira e última fase do traballo comenta a elaboración dunha ficha técnica individualizada e pormenorizada dos Egresados, para aportar á base de datos que se moverá dende a futura Oficina de Egresados.

Expón finalmente a conveniencia de que o estudo se siga actualizando no futuro cada cinco anos.

A secretaria xeral da universidade, dona Gloria Mª Pena, informa que se está a procurar a posibilidade real de que os alumnos, cando se matriculen, teñan a posibilidade de manifestar se autorizan o uso dos seus datos a este respecto, e poidan tamén deixar constancia expresa de si queren ou non manter contacto coa universidade cando sexan Egresados.

PUNTO 3

Acordo que proceda sobre a solicitude de financiación económica da segunda Feira de emprego xurídico de Galicia-Norte de Portugal, a celebrar en Ourense.

Resume o presidente que a Facultade de Dereito de Ourense pretende con esta iniciativa, e mediante un obradoiro de emprego, preparar ao alumnado en motivación, competencias e habilidades para achegarse ao mercado laboral, informando sobre as accións a desenvolver. Dona Gloria Mª. Pena advirte sobre a conveniencia de contrastar suficientemente estas solicitudes para evitar posibles interferencias ou competencias non desexadas que puideran darse con outras iniciativas internas. Tendo en conta o disposto nas normas sobre redución da axuda por sucesivas edicións, a Comisión ACORDA:

  • Aprobar a concesión dunha axuda económica para financiar este evento.

PUNTO 4

Acordo que proceda sobre a solicitude de axuda presentada por AEMPE para a organización en Pontevedra das II Xornadas técnicas para achegar as Pymes á Uvigo e facilitar o contacto de empresas e estudantes.

A pequena e mediana empresa de Pontevedra prepara unas Xornadas técnicas abertas para difundir a oferta formativa da zona e aproveitar o talento universitario. Están previstas na Casa das Campás, e teñen como obxectivo que empresas e estudantes acaden un contacto directo. Os actos desenvolveranse mediante ponencias. O presidente afirma ter comprobado que son xornadas de alto interese. A secretaria xeral observa que o programa ofrece ferramentas que xa ofrece a universidade polo que entende que as xornadas están máis dirixidas aos empresarios que aos alumnos, e pide neste senso maior receptividade ás actividades que saen da universidade e máis especificamente do Incuvi. Os presentes concordan en solicitar unha mellora da proposta e do programa para futuras edicións. A Comisión, aplicando a correspondente redución respecto da edición anterior ACORDA:

  • Aprobar unha axuda económica para financiar estas xornadas

PUNTO 5

Acordo que proceda sobre a petición de colaboración que achega a Vicerreitoria de extensión universitaria e relacións internacionais para a organización en Pontevedra da 26ª Gala do Deporte da UVigo.

A vixésimo sexta edición da gala levarase a cabo no Teatro Principal de Pontevedra, o 28 de novembro. Tradicionalmente convértese nun gran acto coral que fai visible a decidida aposta da Universidade de Vigo polo deporte ante unha ampla participación social, con numerosos premios e recoñecementos que resaltan os valores asociados ao deporte. Previa aplicación da redución respecto da edición anterior, a Comisión ACORDA:

  • Aprobar unha axuda ecómica para a celebración deste evento

PUNTO 6

Acordo que proceda sobre a colaboración económica solicitada para organizar o Congreso “Mediación penal. Cara a unha resposta mais reparadora para a vítima”, en Vigo.

A delegación da Xunta en Vigo acollerá o congreso “Mediación penal. Cara a unha resposta reparadora para a vítima”. No programa participarán profesores e profesionais implicados no proceso, dende xuíces, fiscais e avogados, ata mediadores ou psicólogos. O congreso está dirixido polo profesor contratado doutor Pablo Grande. A Comisión ACORDA:

  • Conceder unha axuda para celebrar este congreso

PUNTO 7

Acordo que proceda sobre a solicitude de apoio económico para a organización do terceiro encontro de emprendemento para estudantes “3DS VigoMar”

Terceira edición dun encontro para fomentar o espírito emprendedor entre os estudantes para crear unha startup de base tecnolóxica. O programa centrarase na explotación e uso dos recursos mariños en todas as vertentes, e condensa na fin de semana todo o proceso dun proxecto empresarial. A Comisión, tendo en conta ás normas, ACORDA:

  • Conceder unha axuda para celebrar este encontro

PUNTO 8

Aprobación, se procede, da reasignación definitiva das bolsas de colaboración asignadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte á Uvigo, para o curso 2017/2018.

Como continuación do proceso iniciado pola Comisión o pasado 29 de xuño en primeira instancia, para a asignación de Bolsas de colaboración aos Departamentos da UVigo, efectúase a adxudicación definitiva de vacantes producidas tras o primeiro reparto. Finalizado o prazo e o procedemento de análise das solicitudes, hai 11 vacantes e 35 solicitantes pertencentes a 18 departamentos que- cumprindo todos os requisitos- non teñen praza adxudicada.

O secretario informa do proceso de reasignación e os criterios aplicados para as puntuacións, así como os baremos empregados e a ponderación das normas fixadas polo Consello Social, tendo en conta finalmente as notas medias dos candidatos, consonte os datos remitidos pola Sección de Bolsas, ademais da produción científica, os Campus e os ámbitos de coñecemento, ata establecer a posición por orde de preferencia de cada unha das solicitudes.

A incorporación das notas como criterio selectivo signifícase nesta ocasión fronte ao da produción científica, para evitar que os departamentos teñan unha maior prevalencia que os alumnos. A Comisión ACORDA informar favorablemente ao Pleno a aprobación do seguinte reparto proposto nesta segunda fase para o curso 2017-2018:

  • Dúas bolsas ao departamento de Bioquímica, xenética e inmunoloxía.
  • Unha bolsa aos seguintes departamentos: Dereito público; Análise e intervención psicosocioeducativa; Socioloxía, ciencias políticas e da administración e filosofía; Bioloxía funcional e ciencias da saúde; Tradución e lingüística; Economía aplicada; Psicoloxía evolutiva e da comunicación; Informática; Bioloxía vexetal e Ciencias do solo.
  • Lista de agarda: Literatura española e teoría da literatura; Pintura; Didácticas especiais; Deseño na enxeñaría.

PUNTO 9

Acordo que proceda sobre a solicitude de axuda para a organización da “Feira internacional de emprego universitario Vigo-Porto”.

As universidades de Vigo, Porto e Tras-Os-Montes e Alto Douro propoñen a segunda edición da “Finde.U. Feira internacional de emprego”, un espazo compartido e novidoso para achegar aos estudantes ao tecido empresarial da eurorrexión. O programa desenvolverase en Porto e en Vigo na segunda quincena de outubro. O secretario, don Ignacio Rodríguez, reflexiona sobre este punto como exemplo do apoio que se está a prestar ás propostas que xorden da universidade, e máis concretamente da Área de emprego e emprendemento. A Comisión, tendo en conta o apoio prestado na anterior edición, ACORDA:

  • Aprobar unha axuda para a organización desta feira

PUNTO 10

Rogos e preguntas.

Non hai.