Comisión de actividades e servizos

A Comisión de Actividades e Servizos apoia a elaboración dun estudo sobre a percepción dos estudantes da Universidade sobre a súa empregabilidade

2020-02-21T13:13:36+00:0023 de Febreiro de 2018|Comisión de actividades e servizos|

O pasado mércores, 21 de febreiro, celebrouse unha reunión ordinaria da Comisión de Actividades e Servizos na que se concedeu unha axuda económica para apoiar a elaboración dun estudo baixo o título “Estudo sobre a situación laboral e profesional dous titulados na Uvigo dende a súa creación (1990-2015)”. Ademais, tratáronse os seguintes puntos:

PUNTO 1

Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (24.11.2017).

  • Apróbase por asentimento.

PUNTO 2

Informe do presidente.

Explica don Ernesto Pedrosa que a Comisión rexistrou durante 2017 un numero de acordos similar a anteriores exercicios (cerca dos 70), e un importe destinado a axudas (un 10% superior ao rexistrado no ano anterior). Así mesmo da conta da solicitude de financiación para a participación do equipo de fútbol-sala do PAS da UVigo no campionato nacional, en Granada, que se considera inviable por canto en 2015 se concedeu unha axuda con carácter “excepcional e extraordinario” por celebrarse en Santiago, non habendo actualmente causas que motiven o incumprimento do devandito acordo.

PUNTO 3

Acordo que proceda sobre a proposta de patrocinio do “Estudo da confianza e percepción dos estudantes da Uvigo sobre a súa empregabilidade “ (cursos académicos 2014/15 a 2017/18).

Proponse a cuarta edición dun estudo que permitirá coñecer a opinión que teñen os estudantes de cuarto de Grao sobre a súa futura empregabilidade, a súa predisposición e as súas expectativas, o aproveitamento das ensinanzas e da formación que recibe e a adecuación para o emprego, o apoio do profesorado ou as redes persoais das que dispón, entre outros indicadores. As conclusións permitirán coñecer a evolución dos indicadores entre os cursos 2014/15 e 2017/18, que será de especial utilidade para o achegamento da sociedade á vida universitaria. Tras as explicacións do secretario, don Carlos Mollinedo interésase pola posibilidade de que se complete o traballo facendo posteriormente unha comparativa das respostas cando os alumnos saian da universidade. O secretario afirma que se consultará esa posibilidade coas autoras do estudo. A Comisión ACORDA:

  • Aprobar unha axuda para levar a cabo o estudo, e outra axuda para a publicación.

PUNTO 4

Acordo que proceda sobre o patrocinio dunha publicación co informe final de resultados e conclusións do Observatorio de Egresados, baixo o título “Estudo sobre a situación laboral e profesional dos titulados na Uvigo dende a súa creación. (1990-2015)”.

O presidente da conta de que o Consello Social principiou en 2016 a posta en marcha do Observatorio de Egresados da UVigo. Un fondo, rigoroso e metódico traballo do equipo coordinado por Luis Espada permitiu durante 2017 localizar por todo o mundo aos Egresados durante os 25 primeiros anos da universidade, identificalos, coñecer o seu desenvolvemento profesional e o valor das ensinanzas que recibiron, entre outras descubertas. En 2018 proponse como primeira iniciativa do Observatorio a publicación dun estudo –pioneiro na universidade española- con todos os resultados, tal e como se recolle no documento-resumo que se achega. Dona Gloria Mª Pena recomenda que para a difusión dos datos, e a efectos de operatividade, se empreguen máis os soportes dixitais e menos os impresos. A Comisión ACORDA:

  • Aprobar unha axuda para financiar a edición de 300 exemplares en galego e 300 en castelán.

PUNTO 5

Acordo que proceda sobre a solicitude de apoio económico para a organización dun proxecto de voluntariado universitario en dereitos humanos, para centros escolares, a proposta da ONG Helsinki España.

Proxecto piloto en Galicia, a desenvolver na UVigo a proposta da ONG Helsinki España. Universitarios voluntarios recibiran formación en dereitos humanos para que de seguido poidan impartir sesións sobre esa temática en centros escolares de primaria e secundaria, en horas lectivas e horario escolar. Ábrese unha rolda de intervencións coincidentes en valorar positivamente a proposta e considerar que debese recadar máis información sobre como e onde se vai a desenvolver, se está previsto algún recoñecemento aos voluntarios ou mesmo se a axuda deberá estar condicionada a un número mínimo de participantes. Así mesmo convén en pedir un informe ao Vicerreitorado de Extensión Universitaria. Á vista das opinión recollidas, a Comisión ACORDA:

  • Conceder provisionalmente unha axuda, á espera da documentación requirida.

PUNTO 6

Acordo que proceda sobre a solicitude de apoio económico para a organización da VII edición do Salón de Educación e Formación “EDUGAL”, en Pontevedra.

Vista a documentación que se presenta e valorada positivamente polos asistentes, subliñase o feito de que Industriais participe nesta edición dentro da oferta da UVigo. Considérase unha iniciativa de especial interese e relevancia para a universidade, polo que se mantén a axuda da edición anterior. A Comisión ACORDA:

  • Conceder unha axuda para a actividade prevista.

PUNTO 7

Acordo que proceda sobre a proposta da Asociación Alexander von Humboldt en España, para a organización dunha xornada científica en Vigo sobre “A ciencia e o mar: sostibilidade e desenvolvemento”.

A Asociación Alexander von Humboldt reúne periodicamente a científicos alemáns e españois para abordar e debater sobre temática de especial interese. Neste contexto propón a Xornada “A ciencia e o mar” dende diferentes planos de análise, prevista en Vigo pola alta especialización formativa que posúe a UVigo. Don Ernesto Pedrosa resalta as oportunidades que abre a colaboración, entre elas a posibilidade de becar a algún estudante para cursar estudos en Alemaña, e o prestixio e visibilidade que reporta a alianza coa Asociación. Engade que en breve se recibirá o programa definitivo, e que a axuda dedicarase á organización, difusión, documentación e publicacións da xornada. A Comisión ACORDA:

  • Aprobar unha axuda para a organización da xornada.

PUNTO 8

Acordo que proceda sobre a solicitude de colaboración coa Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, para organizar a Olimpíada galega de Economía.

Convócase a Olimpíada dende a Facultade de Empresariais, en Ourense, co obxectivo de incentivar e estimular o estudo da Economía entre os mozos, premiar o esforzo e a excelencia académica, divulgar estes estudos e establecer alianzas estables entre as facultades, os centros de secundaria, os profesores de Economía do Bacharelato e os alumnos.

  • Concédese unha axuda para organizar a olimpíada.

PUNTO 9

Acordo que proceda sobre a petición de axuda que achega a Vicerreitoría de Extensión Universitaria para a organización da carreira “HappyGoRunning”, no Campus de Vigo.

A tradicional proba que chega á 12ª edición, está organizada pola Vicerreitoría de Extensión universitaria na contorna do Campus de Vigo e ten carácter solidario. A última edición acolleu a 900 deportistas en tres modalidades, con unha elevada representación dos sete Campus da área galaico-duriense (Galicia e norte de Portugal). Tendo en conta o patrocinio da edición anterior,

  • Apróbase unha axuda para a organización da actividade.

 

PUNTO 10

Acordo que proceda sobre a colaboración solicitada dende a Delegación de alumnos da Escola de Enxeñaría Industrial, para a celebración do Foro tecnolóxico para favorecer a empregabilidade dos estudantes das escolas técnicas do Campus de Vigo.

Resume o presidente que para favorecer a empregabilidade dos estudantes das tres escolas técnicas do Campus de Vigo, os alumnos de Enxeñaría Industrial organizan durante tres días este espazo para o emprendemento e para o contacto directo coas empresas, con unha previsión superior aos dous mil asistentes. Tendo en conta a achega feita en 2017,

  • Apróbase unha axuda para organizar a actividade prevista.

PUNTO 11

Acordo que proceda sobre a solicitude de colaboración coa Facultade de Historia, para a organización das Olimpíadas de Historia 2018.

Iniciativa da Facultade, dirixida a estudantes de 4º curso da ESO, para promover o seu interese pola Historia, ademais de fomentar actividades novidosas da docencia, desenvolver habilidades transversais de comunicación oral e escrita e senso crítico do estudantado, e fortalecer as relación entre os centros de secundaria e a Universidade. Don Ernesto Pedrosa destaca a necesidade de apoio especial que ten a titulación.

  • Apróbase unha axuda para organizar a actividade prevista.

PUNTO 12

Acordo que proceda sobre a axuda solicitada para a organización da “I Xornada sobre muller e proceso”, prevista no Campus de Ourense.

Baixo a dirección de dona Inés Iglesias Canle está prevista a celebración da primeira “Xornada sobre Muller e Proceso” na Facultade de Dereito do Campus de Ourense. Don Ernesto Pedrosa destaca que entre os poñentes figura unha ampla representación de catedráticos e profesores de universidades italianas, fundamentalmente especialistas de Dereito Romano e Dereito Procesual.

  • Concédese unha axuda para a organización da xornada.

PUNTO 13

Acordo que proceda sobre a petición de axuda presentada para cofinanciar a participación de UVigo Motorsport na competición interuniversitaria europea Fórmula Student.

Lembra o presidente que dende hai tres anos, un grupo de estudantes da Escola de Enxeñaría Industrial deseñan e fabrican un monopraza para correr en circuítos europeos no Fórmula Student e competir con universidades de todo o mundo. Non se valora a velocidade senón o deseño, os custes, a fiabilidade ou os consumos. Os presentes valoran a positiva evolución e a mellora que rexistra o proxecto. Tendo en conta as axudas anteriores,

  • Apróbase unha axuda para a actividade prevista.

PUNTO 14

Acordo que proceda sobre a proposta de patrocinio dun Premio de innovación social dentro do evento “Hack for Good (H4G) 2018”.

Enmárcase no “Hack for Good 2018” impulsado por Telefónica, que se celebra en doce cidades españolas, entre elas Vigo. O obxectivo é convocar a alumnos e cidadáns que aporten e desenvolvan novas ideas, servicios, aplicacións ou tecnoloxías que axuden a resolver problemas sociais. O Consello Social patrocinará o premio á mellor innovación social.

  • Apróbase unha axuda para a actividade prevista.

PUNTO 15

Rogos e preguntas.

Dona Ana Isabel Vázquez convida aos presentes a un destacado concerto conmemorativo do Pergamiño Vindel, previsto o 2 de marzo na Cidade da Cultura.

Don Carlos Mollinedo solicita que non se lle remita en papel a documentación das comisións, ao que se adhiren os restantes membros.