Project Description
Deste informe –elaborado pola Academia Galega de Ciencias– despréndese que o Sistema Universitario Galego presenta unha evolución desfavorable da súa produción científica en comparación con outras universidades da súa contorna rexional, nacional e europea, coas que debería ter unha maior sintonía e correspondencia no plano científico. Este efecto resulta particularmente notable ao analizar a evolución comparada coas universidades da rexión norte de Portugal pero tamén diverxe significativamente co conxunto das 11 universidades españolas situadas nos primeiros postos do ranking de Shanghai e coas 10 universidades europeas consideradas por partir estas dunha situación máis o menos semellante a principios do milenio.
A produtividade media no SUG (1,05 publicacións/profesor·ano) é similar á do conxunto das universidades españolas consideradas (1,07) pero moi inferior ó das universidades da RNP (1,71), probablemente debido ó importante número de investigadores post-doutorais que manteñen nas súas estruturas. Tamén as universidades españolas máis dinámicas, presentan índices moi superiores, nomeadamente a UAB que atinxe o valor de 1,9 publicacións/profesor·ano, moi posiblemente apoiado pola importante contribución de investigadores contratados mediante o programa Icrea.