A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu os días 22 e 23 de setembro o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, unha cita que reuniu un cento de asistentes e 67 traballos científicos elaborados por arredor de 150 especialistas de diferentes países, baixo o lema “Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico”. O evento contou coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo, xunto coa Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Na inauguración, a reitora Carmen García Mateo salientou que “a auga e o termalismo forman parte da identidade, da historia e da actividade desta provincia”, e puxo en valor a “clara vocación internacional” do congreso, con especialistas de España, Portugal, Francia, Austria e Arxentina. Pola súa banda, Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, lembrou o reto de “transformar este recurso en coñecemento e oportunidades” e a reivindicación de que “se recoñeza a balneoterapia como un recurso terapéutico” no servizo sanitario.
A xornada do mércores 23 concentrou boa parte da actividade científica, coa celebración de dúas mesas de comunicacións e unha sesión de pósters. Na primeira delas, moderada por José Antonio Fraiz Brea, presentáronse traballos sobre sinerxías entre termalismo e agroturismo en Ourense, responsabilidade social corporativa en balnearios franceses, marketing dixital no sector galego, sistemas de xestión da calidade en hoteis balneario, motivacións de viaxe de turistas maiores do Norte de Portugal e Galicia, retiros de saúde en Portugal ou a industria da auga embotellada en Verín e Chaves como palanca de desenvolvemento transfronteirizo. Xa pola tarde, a mesa moderada por Dalia Liberato abordou cuestións como o impacto macroeconómico da balneoterapia como prestación sanitaria en España, a simbiose nos servizos de benestar, o envejecimiento e o gasto público en prevención, os efectos do termalismo no envellecemento saudable ou o potencial da auga termal na elaboración dunha cervexa artesá. Entre as dúas mesas celebrouse unha sesión de pósters con 15 traballos, ademais dunha visita á exposición de obxectos do profesor Luis Rodríguez Míguez e de Mondariz Balneario.

Un momento nunha das actividades do II Congreso
O programa completouse con dúas mesas redondas —unha sobre “Experiencias innovadoras de xestión de territorios termais”, con representantes de Portugal, Francia, Cataluña e Austria, e outra sobre “O papel das institucións científicas na hidroloxía médica”—, así como coa conferencia de clausura de Christian-François Roques-Latrille, da International Society of Medical Hydrology and Climatology. A clausura oficial, celebrada ás 19.30 h, correu a cargo do presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, e nela entregáronse o premio á mellor comunicación Prof. Luis Rodríguez Míguez e o premio ao mellor póster Balnearios de Galicia. O congreso completouse con actividades paralelas como un ciclo de cine sobre balneoterapia no Cineclube Padre Feijoo e sendas homenaxes póstumas a Marita Souto e a Luis Rodríguez Míguez, con exposicións na Biblioteca Rosalía de Castro e na propia facultade, con materiais cedidos pola Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Mondariz Balneario. O Consello Social da UVigo reafirmou, por meedio da súa colaboración, o compromiso coa investigación aplicada ao territorio.