Ourense acolleu os días 20 e 21 de febreiro a reunión anual das Secretarías de Consellos Sociais. Baixo o título “Comunicación e transparencia, en que poden mellorar os Consellos Sociais” analizáronse as vías para fomentar a visibilidade e aumentar a reputación da universidade en xeral e dos consellos, en particular.
Na apertura do Encontro, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, organizador xunto á Conferencia de Consellos Sociais (CCS) do mesmo, destacou que “a misión prioritaria dos Consellos é implicar á sociedade na actividade das universidades” e a presidenta da Comisión de Secretarios, Elena Marín, apuntou a importancia de converter a comunicación e a transparencia “nunha auténtica rendición de contas”. Pola súa banda, o secretario xeral da Conferencia, Miguel Anxo Acosta, sinalou que os Consellos deben ser “eficientes e áxiles para que a universidade sexa mellor” e lembrou as liñas principais da proposta de reforma lexislativa da CCS.
Tras o Pleno da Comisión Sectorial de Secretarios, na primeira sesión das tres que compuñan as xornadas, o coordinador da unidade de Análise e Programas da Universidade de Vigo, David Basalo, e o secretario da Comisión de Transparencia de Galicia, Santiago González, conversaron sobre por que deben contribuír os Consellos Sociais a mellorar a transparencia das universidades.
Para Basalo, “obrígannos a ser transparentes a lexislación e as organizacións civís. Séndoo, axudamos á sociedade á que servimos”. Ademais, asegurou que os Consellos poden contribuír neste ámbito aliñándose cos principios de goberno aberto e bo goberno e cos ODS da Axenda 2030. González, pola súa banda, afirmou que “a transparencia ten que formar parte da nosa cultura de actuación”. Resumiu a lexislación vixente nesta materia e destacou que “a española é unha das últimas leis de transparencia aprobadas en Europa –Lei 19/2013 de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno– e, por tanto, unha das máis avanzadas”.
Na segunda xornada, abordouse a utilidade ou necesidade que os Consellos Sociais teñen de comunicar hoxe co director de Comunicación da Universidad Miguel Hernández, Lázaro Marín, e o socio director de Camila Comunicación e membro do equipo de comunicación da CCS, Javier Ablitas. Marín repasou as liñas principais de actuación en redes sociais e que elementos ter en conta para definir o ton e a mensaxe. Ablitas analizou “de que falamos cando falamos de Comunicación” e as preguntas que debería expor cada consello para definir que facer nese ámbito.
O Encontro concluíu coa intervención do catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética Anxo Carracedo, quen falou sobre a importancia de comunicar e divulgar a ciencia e a investigación para achegar a universidade á sociedade e promover a súa participación. Na súa opinión “fai falta que a ciencia teña visibilidade na sociedade” e separou a comunicación de resultados de investigación, que definiu como “caótica”, da divulgación, “que é fundamental; un dos labores máis importantes para un científico”. Criticou o actual modelo educativo –“está obsoleto”– e comentou que o seu laboratorio “está sempre aberto, con visitas cada semana de distintos colectivos para que coñezan e entendan como funcionamos”.
A continuación unha pequena galería de diversos momentos do Encontro. Facendo clic en calquera das imaxes ábrese un visor.
E para rematar, recomendamos a lectura da entrevista que La Región realizou a Ángel Carracedo: “Entender máis sobre o mundo que nos rodea fainos máis libres”
Materiais empregados nos relatorios
Hacia una universidad abierta. Recomendaciones de la CRUE
PDF, 827KB
Panel “As redes sociais cóntano todo: Comunicar hoxe, útil ou necesario para os Consellos Sociais?”
Lázaro Marín, director de comunicación da Universitat Miguel Hernández, de Elche
PPTX, 4.2MB
Javier Ablitas, socio director Camila Comunicación e membro de comunicación da Conferencia de Consejos Sociales.
PDF, 1.5MB
Panel “Por qué deben contribuir os CS a mellorar a transparencia das universidades?”
Santiago González, secretario da Comisión de Transparencia de Galicia
PPTX, 274KB
David Basalo, coordinador da unidade de Análise e Programas da Universidade de Vigo
PPTX, 3MB + PDF, 197KB