A UVigo xa ten unha Comunidade Alumni. É un día que podo sinalar dos máis gratificantes da miña etapa como presidente do Consello Social.
Por fin a UVigo e os Alumni poderán atoparse, apoiarse e aproveitar capacidades e potencialidades recíprocas que até agora vertían directamente ao esquecemento, salvo moi identificadas excepcións.
A de hoxe será unha data que se manterá na memoria da universidade e na historia dos seus fitos máis sinalados. O exalumnado sincronizado e agrupado é a rede máis resistente que existe para que a universidade gañe máis aprecio, máis confianza e maior recoñecemento da cidadanía. E son tamén a mellor guía para que a propia universidade poida adecuar con maior coñecemento de causa os seus plans e os seus ritmos ao pulso real das necesidades e as oportunidades que existen fóra das aulas. E son ademais observadores privilexiados para saber se o mercado laboral e a formación recibida están en sintonía. Nada menos.
O cambio que pode operar na universidade a repentina proximidade e vinculación de miles de persoas residentes en distintos puntos do mundo, até agora desconectadas, terá que sentirse. Por iso a Comunidade Alumni é sobre todo unha iniciativa fertilizadora, porque o exalumnado posúe o ben máis prezado que unha universidade pode ofrecer aos seus estudantes: pór ao seu servizo a formación competencial e a experiencia de quen lles precederon.
Por iso esta Comunidade Alumni que hoxe nace ten tamén o rango de prioridade estratéxica para o Consello Social, porque os seus membros traerán unha información insubstituíble para recoñecer o valor, a dirección e a utilidade dos ensinos que recibiron nesta universidade.
E son tamén, por último, un enorme foco de visibilidade e unha fonte informativa de extraordinario valor, polas súas destacadas traxectorias profesionais, polas súas responsabilidades, as súas investigacións, as súas ideas ou as súas capacidades. Estean onde estean fan marca da UVigo.
Desde o Consello Social participamos con intensidade no nacemento, desenvolvemento e evolución deste proxecto. Vai xa para oito anos. E agora, que afortunadamente a Universidade asúmeo como propio desde a súa estrutura, satisfainos pensar que o máis ou menos tres mil titulados que saen cada ano da UVigo terán máis fácil atopar o seu sitio na globalización, e á súa vez pasarán a formar parte do maior e mellor corpo diplomático repartido por todo o mundo que poida ter unha universidade.
Remato citando os nomes propios de Luís Espada e Víctor Cacharrón (porque con eles naceu e creceu este proxecto pioneiro e heroico, con miles de horas detrás) e os de Manuel Reigosa e Natalia Caparrini (porque souberon culminalo de forma rápida e xenerosa).
Así chegamos até aquí. Hoxe é cando a Comunidade Alumni e a comunicación toman forma. Ou sexa, que hoxe é en realidade cando empeza todo…..E oxalá os medios o valoren na súa xusta medida.
Desde o Consello Social seguiremos atentamente a evolución da Comunidade. Reitor, douche os parabéns por este paso que damos hoxe.