O informe “La Universidad Española en Cifras” elaborado por CRUE ofrece unha visión integral e baseada en evidencias do sistema universitario, e permite avaliar a relación entre financiamento, actividade e resultados, tanto nunha perspectiva temporal como mediante a comparación cos países da nosa contorna (UE e OCDE).
Polo seu enfoque, este informe constitúe unha ferramenta de especial utilidade para quen exercen responsabilidades de supervisión, avaliación do desempeño institucional e diálogo cos poderes públicos e os axentes sociais, achegando unha base obxectiva para o debate sobre financiamento universitario, eficiencia do gasto e contribución da universidade ao desenvolvemento económico e social. Tócanos de preto aos CS.
Entre os aspectos máis significativos que se poñen de relevo no informe, cómpre destacar que:
- España non presenta un sobredimensionamento do número de universidades en comparación con outros sistemas universitarios internacionais, e a súa implantación territorial contribúe á igualdade de oportunidades e ao ascensor social.
- O sistema universitario mostra niveis de rendemento académico e empregabilidade equiparables ou superiores ás medias da OCDE, confirmando a súa contribución á creación de emprego cualificado.
- O informe constata unha insuficiencia estrutural de financiamento, especialmente relevante en comparación cos estándares europeos, que condiciona a sustentabilidade do sistema e o cumprimento dos obxectivos establecidos na LOSU.
- A universidade pública concentra a maior parte da produción científica, acadando resultados de calidade internacional con niveis de investimento sensiblemente inferiores aos dos países de referencia.
- En materia de transferencia de coñecemento e innovación, identifícanse avances, pero tamén debilidades persistentes, especialmente na relación co sector empresarial.
Pareceume interesante comezar con esta reflexión de conxunto, para focalizar onde están as universidades, como están e para que están. Ás veces, aos Consellos Sociais vénnos ben unha reflexión de contexto, alén dos asuntos máis domésticos.
No punto 2 da Orde do día recapitúlase en cifras o ano 2025 no CS: as axudas concedidas (abordadas desde diferentes ángulos), o número total de reunións e acordos comparados cos últimos anos, e asistencias ás reunións convocadas.
Tamén atoparán un resumo do informe GUESSS, un estudo, elaborado coa colaboración do CS a partir das respostas de 3.192 estudantes de grao e posgrao da UVigo, o que representa o 16% do alumnado matriculado. Entresaco algúns datos: Un 13,5% do alumnado realiza trámites para iniciar o seu propio negocio, e un 5,7% xa o puxo en marcha. O 15,9% manifesta a súa intención de emprender nun prazo de cinco anos, e un 7,3% espera facelo nada máis concluír os seus estudos. Anímovos a lelo. Saberedes cales son as ramas de coñecemento con máis ou menos emprendedores, cales son os sectores máis representados ou a distribución por xénero. Entre outros moitos indicadores. Para as universidades, os datos son de gran utilidade, porque detectan intencións e permiten implantar estratexias.
Un pleno máis, os asuntos económicos volven ser protagonistas. Veñen hoxe aquí asuntos relacionados co responsable traballo da comisión no seguimento e exame do cumprimento das observacións e recomendacións que realicen sobre a xestión da UVigo os órganos ou entidades externas de control. E tamén sobre as actuacións que a universidade leve a cabo para paliar as deficiencias que poñan de manifesto os informes.
Pero se hai un asunto relevante e de certa gravidade é o longuísimo proceso seguido polo Servizo de Contratación da UVigo para licitar o contrato para facer a auditoría de contas de 2025 da UVigo. A primeira consecuencia foi non poder atender a responsabilidade de analizar o remanente de tesouraría dispoñible provisional antes do 1 de marzo, por carecer do avance de auditoría. A segunda podería ser non dispoñer do informe de auditoría para someter a aprobación as contas da UVigo en prazo. Será a primeira vez que isto ocorra.
A comisión pediu a comparecencia do presidente da Mesa de Contratación, e expresou a súa discrepancia e a súa desconformidade coa actuación da Mesa durante estes oito últimos meses. Juan Manuel Vieites explicarao con máis detalle, e tamén se poderá consultar na acta da Comisión.
Evidentemente, súmome ao malestar causado por esta incidencia, de tan negativa repercusión para o CS, e gustaríame saber se puidera terse evitado. E da gravidade suficiente como para merecer a primeira reprobación en toda a súa historia do CS a un servizo da UVigo.
Infórmovos brevemente do relevo na presidencia da Conferencia de Consejos Sociales de España, na que Antonio Abril foi substituído por Ángela Santianes, nada en 1964 en Langreo. É enxeñeira química pola Universidad de Oviedo e desenvolveu a súa carreira profesional desde hai máis de tres décadas na compañía DuPont, onde exerceu ata hai tres semanas como directora xeral do complexo industrial de DuPont en Asturias. Chega ao cargo en calidade de presidente do CS da Universidad de Oviedo.
E resulta obrigada unha referencia ao proceso electoral vivido na Universidade de Vigo. Lía estes días as declaracións de intencións de Pachi Reigosa cando tomou posesión como Rector hai case catro anos xustos, cando falaba de programar o futuro e a aposta polas persoas.
E estes días lin tamén as declaracións da nova Reitora, que destacaba que “varias persoas do goberno actual puxéronse en contacto con nós, e estou segura que a transición vai ser suave desde a colaboración máxima”.
Quero destacar isto por enriba doutras consideracións, que xa terán o seu momento. Todo o proceso electoral foi un modelo que dignifica a UVigo, cando as eleccións noutras universidades mostraron comportamentos pouco equiparables á altura do que representa a academia. A distancia emocional informativa entre a candidatura con máis e menos votos foi equilibrada, ponderada e xenerosa. O ton das declaracións en ningún momento mostrou vencedores e vencidos.
Belén Rubio manifestaba ao coñecer os resultados: “seguiremos traballando pola Universidade desde o lugar que nos corresponda”.
Todos eles, Carmen García Mateo, Belén Rubio e Jacobo Porteiro comparten unha xenerosa vocación de servizo e teñen en común terse significado como portadores de valores que transcenden os seus intereses persoais e as súas lexítimas ambicións.
Debémonos felicitar. Puxeron por diante os horizontes colectivos e unha confrontación de gran dignidade, exemplar e especialmente necesaria nestes tempos. Merecen a nosa gratitude por igual. Altura moral. Ese foi o primeiro paso.
Ao reitor saínte, Pachi Reigosa, debemos agradecerlle a serenidade en momentos difíciles e a convicción en escenarios incertos. De todo houbo. Pero conduciu a UVigo cara a adiante en todo momento.
Á nova reitora da UVigo desexámoslle determinación e acertos nos seis próximos anos.
E traio aquí, para rematar, unha mensaxe que trasladou a nova reitora da USC na súa toma de posesión: “non pode haber excelencia académica sen unha atención adecuada das condicións sociais e vitais nas que se desenvolve o noso estudantado, incorporando na nosa actividade unha perspectiva social que permita dar resposta ás necesidades de quen dá vida ás nosas aulas”.
Ese, creo eu, é o seguinte paso.
Remato comunicándolles que a UVigo prepara unha homenaxe ao CS polo seu 30 aniversario. Unha homenaxe ás máis de 350 persoas que quixeron dedicar o seu tempo, os seus esforzos e o seu coñecemento á universidade durante estas tres décadas. E quero lembrar aquí de modo especial aos presidentes que me precederon, Alfonso Zulueta e Emilio Atrio, que tan determinantes foron. Agradezo profundamente a iniciativa, polo que representa de recoñecemento a unha responsabilidade que exercemos da mellor maneira posible, cos maiores afectos e con todas as capacidades das que dispuxemos. Sempre coa universidade como obxectivo final. Por iso que sexa a propia universidade a que dá este paso, significa unha honra, un privilexio e unha demostración que ben xustifica e compensa todo o feito. Grazas, Reitor. Os Consellos Sociais de España mírannos como exemplo, unha vez máis.
Invítovos a que participedes…