Colaboracións e patrocinios

O Consello colabora co III Encontro de investigadores/as en Dereito Constitucional sobre os 45 anos do Estatuto galego

2026-10-20T09:24:36+00:0020 de Outubro de 2026|Colaboracións e patrocinios, Novas|

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo acolleu o III Encontro de investigadores/as en Dereito Constitucional, unha xornada organizada pola Área de Dereito Constitucional e que contou coa colaboración do Consello Social da UVigo. O encontro, celebrado o xoves 15 de outubro de 2026, centrouse na análise dos 45 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia, configurándose como un espazo de reflexión sobre a evolución do autogoberno galego e os seus retos constitucionais, institucionais e competenciais. A apertura contou coa intervención da secretaria xeral da UVigo, Emma Rodríguez; o decano da facultade, Pablo Grande Seara; e o profesor Pablo Riquelme, en representación do comité organizador, que coincidiron en subliñar a oportunidade de debater arredor do percorrido estatutario e dos desafíos actuais da organización territorial do poder.

Entre as persoas participantes destacou o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, quen se definiu como “observador privilexiado” do proceso autonómico e reivindicou o Estatuto como “peza fundamental do autogoberno galego”. Na súa intervención, rendeu homenaxe a Castelao e Alexandre Bóveda, así como á denominada Comisión dos 16, encargada de elaborar o primeiro anteproxecto do Estatuto, e valorou o papel do ex-presidente Calvo Sotelo ao asumir o compromiso de que o proceso autonómico se fixese en Galicia coas mesmas condicións que en Cataluña e Euskadi. Santalices lembrou a súa propia experiencia como médico dedicado á xestión sanitaria para ilustrar como a asunción de competencias “cambiou de xeito radical a asistencia sanitaria en Galicia”, e deixou sobre a mesa a posibilidade de reformar o Estatuto, algo que, ao seu xuízo, pasa “claramente pola vontade de todos os grupos políticos”.

O programa, aberto ao público xeral pero especialmente dirixido ao alumnado da facultade, incluíu a conferencia inaugural de Javier Ruipérez Alamillo (Universidade da Coruña) sobre poder constituínte rexional e poder estatuínte, presentada por Gabriel Vidal. Ao longo da mañá interviñeron Xosé Antón Sarmiento Méndez, letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, sobre o desenvolvemento lexislativo do Estatuto; Ana Aba Catoira (Universidade da Coruña), sobre políticas sociais, igualdade e dereitos; e Ana Gude Fernández (Universidade de Santiago de Compostela), sobre a disolución anticipada do Parlamento e a posición constitucional da Presidencia da Xunta. Pola tarde, José Julio Fernández Rodríguez e Vicente Sanjurjo Rivo, ambos da USC, abordaron as competencias estatutarias e a descentralización, e pechouse cunha mesa sobre o novo reparto competencial Estado-Comunidade Autónoma e o litoral galego, con Juan Antonio Hernández Corchete (UVigo) e Luis Míguez Macho (USC). Coa súa colaboración, o Consello Social da Universidade de Vigo reafirmou o seu compromiso co debate académico arredor do autogoberno e coa proxección social da institución.