Discursos do presidente

Palabras do Presidente nos VI Premios Consello Social UVigo_Humana

2026-04-30T18:27:29+00:0030 de Abril de 2026|Discursos do presidente|

Reitor magnífico da UVigo –Manuel Reigosa–, vicerreitora de Extensión Universitaria–Susana Reboreda–, representantes da comunidade universitaria, premiados, amigas e amigos:

Atopámonos no acto final de VI  edición destes Premios Consello Social UVigo_Humana, correspondentes ao ano 2025 e permítanme que en primeiro lugar agradeza o labor da vicerreitora de Extensión Universitaria e da comisión de valoración, quen tivemos a nada facil responsabilidade de dirimir, entre as candidaturas presentadas, os premiados desta convocatoria. Tamén non quero deixar a oportunidade de felicitar aos autores dos mellores TFGs e TFMs en materia de axenda 2030, responsabilidade social e cooperación, de quen, neste acto, foi visible o seu esforzo por realizar traballos de calidade.

Normalmente os xurados buscan razóns obxectivas que xustifican dar un premio a alguén e poder así destacalo sobre o resto de candidatos. Coñezo ben que o xurado destes premios –do que formei parte– tivo unha enorme dificultade en non poder dar o seu voto por igual a todos os candidatos. Porque se, en principio, podería parecer sinxelo recoñecer e compensar méritos, non o é tanto cando hai que elixir entre os candidatos e non todos poden ser os premiados.

Son os valores, a xenerosidade, o sacrificio, a coraxe e o altruísmo o que move a todos os que se presentaron a estes Premios Consello Social UVigo_Humana. Insisto. A todos.

Por iso reitero o meu agradecemento ao xurado polo labor de autocirugía sensible –sen dúbida dolorosa– que se aplica en cada edición destes premios. Como me dicía un membro do xurado, só en premios como este é posible que os mesmos argumentos vallan igual para unha candidatura ou para calquera de todas as súas rivais.

Neste caso, os galardoados foron Bicos de Papel no ámbito galego e Fundación Mujeres por África no ámbito internacional. Posúen ambas as institucións o mérito indubidable de acceder a este recoñecemento que –dada a enormidad do seu labor– failles un pouco de xustiza. Pero non é menos gratificante que se convertan na cara visible do movemento solidario no seu conxunto, o que se afana silenciosa e permanentemente en que vivamos en espazos mais humanos, máis habitables, e nos que nós mesmos teñamos a oportunidade de ser mellores.

Aos representantes de Bicos de Papel e Fundación Mujeres por África, quero dicirlles que poucas veces o Consello Social da UVigo que teño a honra de presidir, ten a oportunidade de estar tan preto da esencia das súas responsabilidades e a súa vocación. Máis aló dos méritos que lles estimulan no día a día, dos logros e dos avances e das solucións xeralmente silenciosas que nos achegan, e que hoxe se recoñecen publicamente, eu quero recoñecerlles a grandeza por instruírnos en actitudes e ánimos; a vocación por fomentar futuros e a confianza en territorios xeográficos e persoais tan a miúdo abatidos por infinitas tristezas.

Tamén lles recoñezo a perseveranza en confiar e ensinarnos que desde a cooperación e o voluntarismo pódense construír esperanzas onde ninguén máis as sementa. Pero crecen. E este acto é unha proba de que é así.

Recoñezo e agradezo a vostedes e a quen como vostedes crean conciencia, engarzan pequenos milagres e tecen con fío invisible, contornas cálidas para soidades frías.

Onde case todos veríamos un deserto infranqueable e ameazante vostedes prefiren ver un espazo, sabedores de que os espazos se cruzan. Posúen esa potencia de pensamento positivo. Comprendo que doutro xeito non poderían facer o que fan. E comprendo que esa é outra aprendizaxe na que todos fariamos ben en entrarmos.

Querido reitor, querida Susana, grazas por pór á UVigo no camiño polo que pasan os afectos e os valores. Ten moito sentido, porque se o que se aprende nas aulas é importante, aprender en contornas virtuosas e sensibles dótanos de certezas e fortalezas.

Querido reitor, desde a presidencia e de todos os que formamos o Consello Social da UVigo permanecemos atentos, e ti es coñecedor diso, de cada un dos fitos alcanzados pola UVigo, ben sexa na presenza nos rankings internacionais, ben en calquera dos espazos nos que se move a nosa comunidade universitaria, e no que nos atopamos neste momento, debería de converterse nunha aposta común para proxectar o que a sociedade nos dá e o que nós lle reportamos.

Recoñecer o traballo, a dedicación e a xenerosidade destes colectivos fainos máis humanos, porque como deixou escrito o insigne D. Miguel de Cervantes, “ao ben facer, xamais lle falta premio”.

Xa termino. Vostedes nos reconfortan. Pídolles que non deixen de facelo, aínda que ás veces perciban que a miúdo están máis sós do que en xustiza deberían estar. Pero neses momentos de fatiga pensen que somos nós os que debemos mellorar, que vostedes xa fixeron ese camiño. E están no sitio correcto.

Reitero tamén os meus parabéns a quen hoxe recibiron os premios polos seus traballos de fin de grao e fin de máster. Polo seu esforzo, polo seu aproveitamento e polas expectativas que nos xeran.  Representades un modelo e uns logros cos que tamén nos sentímonos orgullosos.

E por último quero destacar que estes premios se entreguen conxuntamente é un poderoso sinal de que nesta querida Universidade de Vigo, o coñecemento e a dignidade van da man e balizan o camiño.

Imos ben. A Universidade convértese tamén nunha potencia ética da vida.