Actos do presidente

O presidente do Consello no Faro: “Por cada euro público que recibe a universidade, reporta un impacto de dous euros ao seu territorio”

2026-06-11T18:10:34+00:0011 de Xuño de 2026|Actos do presidente|

O presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, será homenaxeado o 17 de xuño pola propia UVigo con motivo do 30 aniversario do órgano que preside, un recoñecemento inédito noutras universidades. Nunha entrevista concedida ao xornal Faro de Vigo, edición de Pontevedra, da man da xornalista Susana Regueira, Pedrosa fixo balance destas tres décadas de traballo tendendo pontes entre a universidade, o tecido empresarial e as institucións. Destacou que a maior contribución do Consello Social foi lograr ser máis coñecido e exercer as súas funcións co máximo consenso cos diferentes equipos reitorais, así como a creación do observatorio de egresados e a organización de dúas asambleas xerais da Conferencia de Consellos Sociais de España.

Sobre o impacto económico da UVigo, Pedrosa subliñou que estudos promovidos polo Consello Social demostran que “por cada euro público que recibe a universidade, reporta un impacto de dous euros ao seu territorio”, unha proba de que o investimento en educación superior non é un gasto senón unha das rendas máis rendibles para Galicia. En canto á relación entre universidade e empresa, sinalou que, a pesar das dificultades xeneralizadas, a realidade local amosa que moitos titulados da UVigo se incorporan de inmediato a compañías punteiras do súa contorna, aínda que todo o que se faga para aproximar ambos mundos segue a ser pouco.

Respecto ao campus de Pontevedra, Pedrosa cualificouno como “plenamente consolidado” e con identidade propia, pero apuntou dous grandes desafíos prioritarios: a creación dunha Facultade de Enfermería unificada e, sobre todo, a construción dunha residencia universitaria pública, xa que Pontevedra é o único campus da UVigo que carece deste servizo. “É unha demanda histórica”, afirmou, e lembrou que a comunidade universitaria pontevedresa suma máis de 5.000 persoas, unha fonte incalculable de riqueza e dinamismo para a cidade.

A fotografía que encabeza esta nova é a que fixo Gustavo Santos para a entrevista do Faro de Vigo, polo que o copyright é deste medio e do seu fotografo.

 

LER A NOVA NO FARO DE VIGO