Bo día.
Debo comezar agradecendo a Uxía Oviedo a súa acollida hoxe aquí. Estamos no municipio coa alcaldesa máis nova de España, que xa de nena soñaba con ser alcaldesa, e non outra cousa, como tantas nenas. E case sen deixar de ser nena, conseguiuno. Posiblemente axudase en algunha medida a súa formación na UVigo, onde cursou os seus estudos.
Agradecemento tamén ao doutor José Manuel Lage, que despois de 40 anos de médico lle deu forma ao Museo que acabamos de ver [Museo do Médico Rural], e co que tamén viu realizado un soño. Agora deixa un legado infinito de humanismo e coñecemento. E unha exaltación da medicina á que non podiamos ser alleos e a cuxa chamada acudimos hoxe.
É a primeira vez que o Consello Social sae a un concello, e tivo que ser Maceda, onde se ve que os soños se cumpren, onde viviu Afonso X o Sabio con 11 anos, e cun Entroido singularísimo, que creo ben coñece a reitora, por certo.
Este pleno é, polo tanto, un fito. E só cabe expresar satisfacción e gratitude, máis aínda por este histórico marco que viu tanto, no que pasaron tantas cousas, e que foi aberto expresamente para esta ocasión. Agradecémolo sinceramente.
Damos comezo ao pleno.
Un estudo nacional da recoñecida Fundación CYD conclúe que o 31% dos estudantes cambia de cidade para ir á universidade. O 55% elixe vivir nun piso, o 24% nunha residencia, o 8% na casa de familiares ou amigos. Para o estudo, enquisáronse a 800 estudantes entre 18 e 25 anos en España.
O estudo que presentamos hoxe parte dunha enquisa a máis de 700 estudantes só nos Campus da UVigo, o que dá unha idea da súa fortaleza. Case o 90% opina que ter apoio para aloxarse pode influír na elección de universidade. Apenas o 5% dos matriculados na UVigo ten cobertura de prazas en residencias. Case o 50% viven en piso compartido durante o curso. E un dato chamativo: o 36% botou en falta axuda da universidade para buscar aloxamento, o 56% non a botou en falta porque non a esperaba.
O problema é xeneralizado. O Goberno, dunha parte, obrigará por decreto ás novas universidades privadas a ter aloxamento para os seus estudantes, porque aumentan incesantemente, elevan os prezos do alugueiro e os seus campus tensionan aínda máis o problema. Así se explica que os fondos atopasen negocio e comecen a chegar grandes xestoras a ese mercado, algunha con ata 800M€ de recursos para investir. O camiño complícase.
Evidentemente, o prezo dos pisos é xa un factor limitante para poder estudar. Nin con bolsa. Dino os reitores. E afecta á igualdade de oportunidades. E tampouco construír residencias parece unha alternativa moi vantaxosa nin de rápidos resultados: licitar o proxecto, a construción… son anos. E ao final, para ter prezos de difícil acceso, moi probablemente.
O sistema universitario galego ofrece 1.447 prazas públicas para preto de 60 mil estudantes, unha cobertura que non chega ao 3%. E a gran maioría están concentradas en Santiago. Nesa liña discorren os plans a futuro da Xunta, tamén con boas intencións, como o goberno central, pero sen concretar.
Dos 49.966 alumnos que estudaban un grao en Galicia o curso 2023-2024, 45.778 tiñan a súa residencia na comunidade, é dicir o 92% (só Canarias e Baleares teñen menor mobilidade). Pero afectados polas distancias na propia comunidade hai moitos máis que eses catro mil. É revelador, por exemplo, que na residencia universitaria de Ourense viviron durante o curso 22 ourensáns. Ou o elevado número de solicitantes das axudas económicas para se desprazar do rural ourensán ao Campus.
Si axuda, en cambio, a substancial mellora do transporte ferroviario, máis barato en moitos casos que o alugueiro dun piso. Pero cos inconvenientes das frecuencias e a mala accesibilidade para os mozos que residen fóra das principais zonas urbanas. Co engadido de que é cómodo viaxar de Pontevedra a Vigo, pero logo o Campus está a media hora da estación. É rápido viaxar de Ourense a Santiago, pero os horarios non están pensados para universitarios. É imposible, para un ourensán, estudar en Vigo utilizando un tren.
Contar cunha oferta de vivenda accesible e de calidade non só facilita a integración na vida universitaria, senón que tamén inflúe na permanencia e éxito académico dos estudantes. Neste contexto, a dispoñibilidade e accesibilidade do aloxamento nos seus campus de Vigo, Ourense e Pontevedra é un dos grandes desafíos aos que se enfronta a Universidade de Vigo (UVigo) ao igual que o resto de institucións universitarias (e polo tanto tamén unha das grandes oportunidades coas que competir no proceso de captación de novos estudantes alén dos das súas zonas directas de influencia).
A UVigo, como institución nun entorno globalizado, debe adaptarse a estas novas dinámicas para garantir que a súa oferta de aloxamento sexa suficiente e axeitada ás esixencias dun estudantado cada vez máis diverso.
A este estado da cuestión, debemos aplicarlle determinación e visión longa con obxectivos e prazos claros. E comezamos con encargar aos profesores Mazaira, Gueimonde e Diéguez este estudo. Para saber onde estamos, identificar instrumentos de apoio e dispor de estratexias e horizontes razoables, prácticos, útiles e realizables. Sen demoras e sen desmemoria. E cun taller de ferramentas, que logo nos explicarán.
Agradecémoslles esta nova achega ás inquietudes deste Consello Social. Coa esperanza de que alguén poida dicir dentro duns anos que, neste asunto, de verdade, nun pleno de 2026 comezou todo, no que se estreaba como reitora Carmen García Mateo, á que lle dou a benvida ao seu primeiro pleno, ao igual que á secretaria xeral da UVigo, Emma Rodríguez, e á xerente, Ana Comesaña. Comezamos unha nova viaxe. Saímos co desexo de que poidamos facelo xuntos, e co obxectivo de que ao chegar ao final coincidamos en que valeu a pena.
No equipo de Alberto Gago, Carmen foi vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea entre 2006 e 2010, pilotando e coordinando a reorganización da oferta de grao e máster e doutoramento e na implementación do Espazo Europeo de Educación Superior. Durante esta etapa tivo un papel destacado na modernización curricular da UVigo e no impulso de metodoloxías docentes innovadoras.
Nesa etapa foi membro do Consello Social. E nada presaxiaba que aquí volveriamos atoparnos. E menos aínda que volvería como reitora ao mesmo lugar no que deixara un recordo indeleble de compromiso, traballo e vocación. Os nosos valores, estimada Carmen, seguen sendo os mesmos, máis crecidos co tempo e máis maduros co exercicio, pero coa universidade como horizonte permanente.
Sexas benvida ao teu primeiro pleno. Cos teus acertos e os teus resultados viaxan moitas das nosas aspiracións. En poucas ocasións se fai tan evidente que o mellor camiño de ida é o de volta.