Discursos do presidente

Intervención do Presidente no pleno do 29 de decembro 2025

2026-01-13T16:24:45+00:0013 de Xaneiro de 2026|Discursos do presidente|

Velar polo cumprimento dos principios éticos e de integridade académica constitúe un compromiso esencial da comunidade universitaria. Esta función garante non só a calidade da educación e a investigación, senón tamén a confianza da sociedade nos resultados e actuacións que delas se derivan.

Trátase de asegurar que a actividade universitaria se desenvolva con honestidade, transparencia e responsabilidade, evitando prácticas como o plaxio, a fraude académica ou calquera outra conduta deshonesta. Ao mesmo tempo, implica promover unha cultura institucional baseada na exemplaridade, o respecto mutuo e a integridade profesional.

Neste marco, corresponde ao Consello Social, conforme ao disposto no artigo 47.2.l) da LOSU, velar porque estes principios sexan respectados e aplicados no conxunto da universidade.

Neste contexto –e ligo aquí coa importancia dos puntos 3 e 4 da orde do día, que nos remite a Comisión Económica– o Consello Social debe impulsar mecanismos e instrumentos que aseguren que a información pública sobre a universidade —tanto económica como institucional— estea dispoñible, sexa comprensible e útil para os distintos grupos de interese: estudantes, familias, empregadores, administracións públicas, medios de comunicación ou entidades sociais.

A transparencia e a rendición de contas pasan a ser principios fundamentais do bo goberno universitario. Non só fortalecen a lexitimidade das institucións, senón que garanten que a cidadanía, a través do control democrático e o acceso á información, poida valorar a eficacia do servizo público de educación superior.

Segundo establece o artigo 47.1 da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), o Consello Social é “o órgano de participación e representación da sociedade, un espazo de colaboración e rendición de contas no que se interrelacionan coa universidade as institucións, as organizacións sociais e o tecido produtivo”. Esta formulación legal non só outorga lexitimidade ao seu labor de control, senón que reforza o seu papel como interlocutor da sociedade ante o sistema universitario.

Este mandato legal converte ao Consello Social en receptor dunha obrigación de rendición de contas por parte de toda a universidade, pero tamén o fai garante de que devandita rendición se exerza de forma clara, accesible e comprensible para a cidadanía. A súa función supervisora non se limita á fiscalización económico-orzamentaria, senón que abrangue tamén a publicidade de decisións relevantes, a avaliación da xestión institucional e a promoción dunha cultura de apertura en todos os niveis organizativos. É, por tanto, o órgano chamado a velar por que o sistema universitario dea conta das súas decisións e dos seus resultados a quen o financia e lexitima: a sociedade no seu conxunto.

Existen entidades independentes que avalían periodicamente o grao de transparencia das universidades españolas, contribuíndo con iso a xerar estándar comúns e facilitar a comparación entre institucións. A máis efectiva é a Fundación Haz: organización sen ánimo de lucro que promove o bo goberno, a transparencia e a rendición de contas, especialmente no ámbito universitario e fundacional.

Non só permite coñecer o grao de transparencia de cada universidade, senón que ofrece ferramentas útiles para os CCSS á hora de avaliar, esixir e promover melloras neste ámbito.

Esta Fundación acaba de facer público a súa análise de 2025, (teñen as conclusións do informe no cartafol do punto 3, que nos explicará David Basalo, a quen agradezo a súa presenza). Da análise conclúese que a UVigo está entre as universidades máis transparentes do estado, cun 98% de cumprimento. Dos 31 indicadores medidos, cumpre 30. O único que non cumpre (e tampouco ningunha outra universidade, por ser un indicador recente) refírese a non ter un responsable de compliance. E aquí di a Fundación Haz que ademais de identificar ao responsable ou órgano que ten encomendada esta función e as súas competencias, especifíquese a dependencia do CS, como esixe a LOSU. E hai precedentes, como o caso da ULPGC, onde a Comisión antifraude presídea a presidenta do CS. No noso caso, tempo haberá para abordalo, cando Galicia regule a nova lei que desenvolva a LOSU, que será a que defina como será o sistema de compliance nas universidades e as formas que deberán ter e polas que se deberán canalizar esas competencias.

Di literalmente a Fundación:

Máis aló das competencias específicas que a normativa autonómica poida atribuír, é importante que o Consello Social da Universidade de Vigo asuma un liderado proactivo en materia de compliance. A actual LOSU expresa con claridade e sen ningún xénero de dúbidas que, aínda que poidan existir outros órganos, tanto unipersoais como colexiados, que desenvolvan e colaboren na función de compliance (comité de ética e responsable de compliance), a garantía última da autonomía e do bo funcionamento do sistema de compliance nas universidades públicas depende do consello social.

Ligo pois o punto 3 co seguinte, o punto 4, en que se recolle a auditoría das medidas antifraude, que mostra un elevado grao de cumprimento da UVigo, pero que incide tamén na súa gran debilidade, que repite insistentemente ao longo do informe que nos presentará a xerente: a ausencia de nomeamento formal do responsable de cumprimento.

Vén aquí ao caso lembrar o artigo 47.2.I da LOSU, que indica como función do CS “Velar polo cumprimento dos principios éticos e de integridade académica, así como das directrices antifraude…..”. Adianto o meu agradecemento á xerente por informarnos hoxe sobre este asunto.

Máis aló dos asuntos dos que nos dará conta o Reitor, co ansiado acordo para compartir a docencia de Medicina á fronte, quero facer unha breve alusión a dúas noticias externas divulgadas estes días, que deberían movernos a reflexión: 

  • A primeira: Madrid aproba a súa vixésima universidade, aloxada nun rañaceos. Con 10 mil alumnos de 169 nacionalidades. Son xa 14 as universidades privadas, e seis as públicas, en Madrid. E en España son xa 48 centros de pago e 50 os estatais.
  • A segunda noticia: Unha importante empresa estadounidense lanzou un programa pioneiro mediante internado remunerado de catro meses para mozos que terminan o instituto e deciden non ir á universidade. No fondo é unha declaración ideolóxica e práctica contra o modelo tradicional institutouniversidadeemprego. Preocupante: Palantir é unha empresa de software valorada en 450 mil millóns de dólares.

Dado que todos os asuntos de hoxe proceden da Comisión Económica, dou a palabra ao seu presidente. Unha vez máis agradezo o traballo de todos os seus membros, e o rigor co que analizaron o orzamento da UVigo para 2026. E fago unha chamada a que non se perdan de vista os informes de impacto por razón de xénero e de impacto medioambiental, que deben ser tidos en conta por todos os órganos implicados na avaliación do orzamento.