Na imaxe, presentación do primeiro informe do Observatorio na súa creación en 2016
O Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo cumpre unha década de vida, unha traxectoria na que o Consello Social tivo un papel fundamental desde o seu nacemento. A súa creación foi precedida, entre 2013 e 2015, por tres estudos de inserción laboral promovidos polo ex reitor Luis Espada Recarey patrocinados polo propio Consello. Foi precisamente a necesidade de dotar a UVigo dunha entidade de seguimento periódico da empregabilidade do seu alumnado o que impulsou a materialización do Observatorio, inicialmente denominado de Egresados, que viu a luz coa súa aprobación pola Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social o 3 de febreiro de 2016 e a posterior ratificación polo Pleno dous meses máis tarde. O Consello Social mantivo desde entón o seu apoio ininterrompido ao Observatorio, que conta hoxe cun directorio de 25.458 antigos estudantes e 22 informes de inserción laboral, o que o converte no sistema máis completo deste tipo nunha universidade galega.

Imaxe dunha presentación realizada en plena pandemia
O Observatorio, dirixido por Luis Espada e coa asistencia técnica do analista Víctor Manuel Martínez Cacharrón, recompilou ao longo desta década información de persoas graduadas de todas as promocións desde o nacemento da UVigo, con presenza en 78 países dos cinco continentes. Entre os seus traballos destaca o macroestudo sobre a inserción laboral das 35 promocións (1990-2024), que analiza unha mostra representativa de egresados e egresadas e confirma que os titulados da UVigo superan as medias galegas, españolas e europeas en empregabilidade. O último informe incorporado ao catálogo, o Estudo de inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo no curso 2021/2022, foi realizado en 2024, renovándose así o compromiso coa medición da empregabilidade e co fortalecemento do vínculo entre a universidade e a súa comunidade alumni.
O perfil dos egresados e egresadas da UVigo reflicte unha alta empregabilidade —cunha taxa de ocupación do 91,9%, superior ás medias galega, española e europea—, salarios competitivos e un elevado grao de satisfacción coa experiencia académica. Ademais, a base de datos do Observatorio permitiu crear unha rede informal de 55 egresados que durante a pandemia achegaron os seus testemuños desde países como Xapón ou Illa Reunión, evidenciando a dimensión internacional da universidade e a forza do sentimento de pertenza á comunidade UVigo. De cara ao futuro, o Observatorio prevé ampliar a súa taxa de resposta, potenciar a análise cualitativa e incorporar novas liñas como o estudo de competencias profesionais ou o emprendemento, co obxectivo de continuar sendo unha ferramenta estratéxica para a excelencia da UVigo, tal e como recoñeceu o Consello Social desde a súa fundación hai agora unha década.