Actos do presidente

Ernesto Pedrosa Silva: “é preciso que as universidades dean respostas e que a sociedade confíe nelas; porque a universidade debe reforzar a responsabilidade social nas actuais circunstancias”

2018-10-19T19:06:31+00:003 de Xullo de 2015|Actos do presidente, Discursos do presidente|

Discurso pronunciado polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa Silva, durante o acto inaugural das xornadas ‘La financiación de los puertos en España y la Unión Europea: costes y beneficios para los operadores portuarios’ que tivo lugar o pasado mércores, 1 de xullo, no Edifición de Sesións do Peirao de Transatlánticos.

Xornadas  ‘La financiación de los puertos en España y la Unión Europea: costes y beneficios para los operadores portuarios’

Intervención de Ernesto Pedrosa Silva

Alguén dixo nalgunha ocasión que é posible predicir o futuro, que para iso o único que hai que facer é inventalo. E non podo deixar de lembrarme disto en actos coma este, nos que resplandece o valor capital da formación e do coñecemento –é dicir, a educación, a investigación e a innovación- que conforman o soporte máis sólido do devir humano. Porque os impresionantes logros e a evolución da humanidade durante a súa historia son o resultado de xerar, valorar, compartir, intercambiar e difundir o coñecemento, o motor máis potente das economías máis dinámicas e que require unha innovación permanente. E é nesa dirección, na que as universidades son insubstituíbles, e deben continuar a selo.

Co traballo e a determinación que lles reúne hoxe en Vigo, vostedes nos axudan a transformar o mundo e a nosa percepción, contribúen abertamente a insuflarnos esperanza e entran de cheo nunha nova misión que teríamos que propoñer para as universidades: reforzar a súa vocación espacial, urbana e rexional, así como a súa implicación nun entorno territorial activo. Debemos contemplalas como institucións fundamentais que desempeñan un papel global, pero son significativos impactos directos e indirectos locais, porque a potenciación conxunta da globalización e da localización están redeseñando as nosas contornas produtivas. 

Soamente por iso, para o Consello social sería unha obriga e unha alta responsabilidade estar aquí, por tratarse dunha cita excepcional para que a sociedade e a universidade se encontren. Pero hai máis. Unha das competencias máis significativas que se nos encomenda é favorecer e promover as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e humanística dos universitarios entendidos no seu conxunto, alumnos e profesores, apoiando as súas manifestacións na propia universidade e asegurando a súa extensión ao conxunto da sociedade. Ou sexa, contribuír á excelencia na docencia, compartir o coñecemento e implicar por igual nesa tarefa á universidade e á sociedade. O interese temático e a dirección precisa do enfoque que se reflicte nesta sala nos sitúa sen dúbida ante un reto académico que será de gran utilidade para vostedes que asisten, pero tamén será beneficioso para a sociedade no seu conxunto, porque o coñecemento e a aprendizaxe son sempre frutíferos, e porque –ao igual que os valores- unha vez impartidos, proxéctanse e esténdense a toda a sociedade. 

Vostedes viñeron hoxe aquí a poñer o seu saber ao servizo dunha causa colectiva. Ou, tal e como di o folleto deste acto, están aquí para abordar estas xornadas desde unha perspectiva internacional e comparada, para esclarecer, analizar e reflexionar. Neste punto revélase como fundamental o espírito universitario, que fomente a necesidade de aprender, a capacidade de debater, e a posibilidade de mellorar. Cumprir hoxe esa misión da universidade esixe a creación de contextos de aprendizaxe que nos estimulen na aplicación do coñecemento. E como estas xornadas son un excelente exemplo, felicito a quen as organiza, a quen as fai posibles e a quen as aproveita, porque todos estamos no lado correcto do noso saber. 

Hai que facilitar a achega do coñecemento aos cidadáns, porque o debate científico concirne non só aos especialistas. Debemos fraguar un compromiso social coa ciencia que nos implica a todos. A sociedade no seu conxunto ten que estar interesada en que se investigue e se avance. 

Por iso a universidade fai ben cando intervén nos procesos educativos abertos fóra das aulas e das idades estudantís. E ten unha responsabilidade especial coa súa contorna, coas novas metodoloxías, coa actualización dos coñecementos e coas competencias. En inicias coma esta é posible debater, descubrir, compartir, aplicar, comunicar, liderar saberes e forxar progreso. E, por si fose pouco, fortalecen a cohesión social, a igualdade de oportunidades e a calidade de vida. 

En encontros coma este recoñécense os esforzos divulgativos da Universidade para que o seu traballo e a súa contribución ao colectivo social sexan recoñecidos, apreciados e –sobre todo- valorados. Son actos que se sustentas na indubidable autoridade do mundo universitario á hora de informar e formar, nos que se constrúe coñecemento novo e experiencias que non se poden estudar nas aulas. Actos nos que todos somos alumnos e a sociedade enteira é beneficiaria. 

E reitero que resulta imprescindible facer labor de divulgación na sociedade. Os consellos sociais avogamos por aproximar a oferta de formación á contorna social, profesional e cultural do territorio no que se desenvolve cada universidade. Nesta convicción promovemos accións para incorporar a aprendizaxe continuada e permanente, e apoiamos a difusión e identificación do coñecemento mediante boas prácticas como a que hoxe nos reúne aquí.

Di a lei que o Consello Social deberá facer o posible para que a universidade satisfaga as necesidades da súa contorna, contribuíndo ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico e cultural de Galicia. 

Ademais pídelle que estimule políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias. 

Pero non estou soamente polo que di a lei, senón tamén polo que non di: porque é preciso que as universidades dean respostas e que a sociedade confíe nelas; porque a universidade debe reforzar a responsabilidade social nas actuais circunstancias e esa responsabilidade obriga a transformar o permanente e inmutable en beneficio para a comunidade e dos seus retos. 

Por iso están nas nosas prioridades actos abertos e de prestixio como este seminario, porque a formación é unha ferramenta fundamental para que a sociedade prospere; porque soamente desde o coñecemento se poden resolver as problemas como os que aquí se debaten. Con iniciativas como esta, a universidade entra de cheo na procura de solucións aos problemas da sociedade, enfronta carencias en eidos básicos para corrixir os desequilibrios e dirixen luz cara espazos importantes frecuentemente ocultados tras asuntos máis visibles. 

Compráceme, polo tanto, participar neste acto, agradezo aos organizadores e relatores a súa contribución; recoñezo á universidade nesta dirección e aí quero focalizar o eloxio, porque aquí se condensa unha desas pouco habituais virtudes que soamente posúen as universidades cando da escuridade poden – e mesmo acadan- facer luz. 

E quero rematar como comecei: Gustaríame que tamén vostedes podan predicir o futuro, e pechen este congreso coa convicción de que, na medida das súas posibilidades, conseguiron mover os límites das fronteiras científicas.

 Moitas grazas.