Colaboracións e patrocinios

Presentado o informe “Diagnose do acoso sexual e por razón de sexo” no que colaborou o Consello

2020-09-28T13:04:20+00:0023 de Novembro de 2018|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

Co motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a Universidade de Vigo presentou o venres 23 de novembro o informe Diagnose do acoso sexual e por razón de sexo na Universidade de Vigo, elaborado por investigadoras do Grupo de Investigación en Sexualidade, Xénero e Saúde da Facultade de Ciencias da Educación. Nel faise unha radiografía, pioneira no contexto estatal, de como se vive a realidade do acoso de xénero na institución académica co obxectivo último de previr e erradicar estes comportamentos. Entre os datos obtidos está que o 30% das mulleres da comunidade universitaria consideran que é bastante ou moi probable que sufran acoso sexual.

O Consello Social promoveu e colaborou na publicación do informe que foi presentado no campus de Ourense polo reitor, Manuel Reigosa acompañdo de Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo e María Lameiras, profesora autora do informe xunto a Yolanda Rodríguez e María Victoria Carrera.

A diagnose presentada, representa a primeira avaliación da situación do acoso sexual e por razón de sexo na Universidade de Vigo, abranguendo os campus de Vigo, Pontevedra e Ourense e incluíndo ao alumnado e o conxunto de traballadores e traballadoras da institución. O proceso de elaboración levou dous anos nos que se realizaron e avaliaron 1.345 enquisas –1.006 a estudantes, 185 a PDIs e 154 ao PAS).

Máis información na nova elaborada polo DUVI.