Actos do presidente

Fernando Ramos presenta Libertad de expresión y daños a la Corona, libro que contou co apoio do Consello Social

2019-01-25T14:01:55+00:0025 de Xaneiro de 2019|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios|

O novo libro de Fernando Ramos parte da “súper protección” penal da Coroa, dos ataques á súa imaxe e do exercicio do dereito á liberdade de expresión. Neste traballo, o autor analiza como a protección lexislativa da que a Coroa se beneficia choca frontalmente co exercicio da liberdade de expresión. O profesor Ramos teoriza que, “pese á forma extrema de manifestalo, a queima da foto, non se trata dun ataque persoal ao rei de España dirixido a insultar e vilipendiar á súa persoa, senón a unha denuncia do que o rei representaba como cabeza e símbolo do aparato do Estado, o que debe situarse no eido da crítica política ou a disidencia e corresponde á expresión do rexeitamento á monarquía como institución”, concluíndo que o Tribunal Constitucional español “errou ao entender que os actos cuestionados contivesen elementos que incitaban ao odio”.

Capa do libro Libertad de expresión y daños a la corona

Trátase, como explica o profesor recentemente xubilado, “dun libro de dereito e xornalismo” e, ao longo das súas 368 páxinas, recolle unha “recapitulación sobre o proceso seguido para que a Lei de Sucesión de Franco se cumprise, os seus problemas e a propia política posterior de furtar ao coñecemento dos españois os trapos sucios da Coroa, ata que os xornalistas deixan de mirar para outro lado, ao sucederse, por outra parte, os escándalos sucesivos dos que daba conta a prensa estranxeira. O volume complétase cunha revisión dos procesos que se foron sucedendo por causa da Coroa ou con relación a esta”. Ademais, con esta publicación, Ramos retoma o debate sobre o dilema república-monarquía, “recordando que o referendo previo á Constitución sobre este aspecto que demandaban as forzas democráticas estivo a punto de ser convocado, pero finalmente, Adolfo Suárez no se atreveu ante as consecuencias de que triunfara a opción republicana”.

Este curso, o 2018-2019, é o primeiro que Ramos pasa afastado das aulas tras vinte anos de docencia e recoñece que bota en falta o contacto co alumnado. Agarda poder seguir colaborando coa Universidade de Vigo para dar continuidade ao curso complementario de protocolo, que viña organizando dende hai 18 anos, sendo o de maior antigüidade e alumnado da UVigo.

Ernesto Pedrosa participa na presentación

Modesto Barcia, Dolores del Mar Sánchez, Ernesto Pedrosa, Luis Rodríguez Ennes e Fernando Ramos

O Presidente do Consello Social, que actuou como anfitrión do acto, fixo a introdución do mesmo e mais moderou a participación do resto de relatores que alén do propio autor foron: Luis Rodríguez Ennes –catedrático xubilado da Universidade de Vigo–, Modesto Barcia –ex decano do Colexio Oficial de Avogados de Pontevedra–  e Dolores del Mar Sánchez –catedrática da UNED e responsable das monografías da Sociedade de Estudos Institucionais, nas que se insire a publicación presentada–.

[Algunha das informacións de máis arriba e as fotografías, de Juan Caballero, están recollidas da nova que o DUVI elaborou sobre a presentación do libro]