Actos do presidente

O Parque Tecnolóxico e o Consello Social da UVigo lanzan un globo estratosférico estimulando o interese científico dos estudantes

2019-06-04T16:53:44+00:0031 de Maio de 2019|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios, Novas|

O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole e o Consello Social da Universidade de Vigo inician unha liña de colaboración para levar a cabo iniciativas conxuntas de divulgación científica entre os máis novos e trasladar á sociedad no seu conxunto o valor da ciencia, o coñecemento e a innovación. A posta en marcha desta alianza escenificouse co lanzamento dun globo estratosférico por parte dos alumnos das Aulas Tecnópole, ao que asistiron o presidente do Consello, Ernesto Pedrosa, o director xerente do Parque, Ricardo Capilla, e a directora da Axencia galega de Innovación, Patricia Argerey.

Esta nova liña de colaboración busca explorar e aproveitar as sinerxías entre ambas as dúas entidades nun ámbito no que comparten misión: achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos para incentivar habilidades e fomentar vocacións nestes campos, e promover a ciencia, o coñecemento e a comunicación entre estudantes. Tecnópole vén realizando unha labor intensiva neste eido desde os seus inicios e cunha especial intensidade nos últimos 14 anos, nos que vén celebrando unha feira científica para escolares que xa se converteu nunha referencia dentro e fóra de Galicia, grazas ao apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

Ademais, organiza desde 2009 un programa de capacitación de escolares en habilidades innovadoras, as Aulas Tecnópole, que posteriormente se complementou cunha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía dende unha óptica artística e creativa e que leva o nome de STEAM Kids Tecnópole. Isto complétase coa organización todos os veráns do único campamento tecnolóxico que se celebra en Galicia, os Tecnópole Technological Workshops (T2W), que este ano terá lugar entre o 1 e o 12 de xullo.

Pola sua banda, o Consello Social ten entre as prioridades conectar cos futuros universitarios, levar coñecemento das aulas á sociedade, transferir innovación ás empresas e abrir espacios de entendemento entre os investigadores e a comunicación. Neste escenario son moitos os puntos en común ca Tecnópole no referente ós actos de divulgación e fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre os xoves, nos que se desenvolve esta primeira experiencia.

Imaxes e datos desde a estratosfera

O punto de partida púxose esta tarde no Parque Tecnolóxico de Galicia, coincidindo co último día de curso das Aulas Tecnópole. Tras recibir a visita dos representantes do Consello Social da Uvigo, os alumnos e alumnas explicaron e completaron un reto científico-tecnolóxico que consistiu no lanzamento dun globo equipado á estratosfera, efectuando dende ese momento labores de rastreado e monotorización de datos.

A estratosfera é a capa da atmosfera que se estende entre os 10 e os 50 quilómetros desde a corteza terrestre. Considérase que está ao borde do espazo exterior, que é onde o globo liberado hoxe na Tecnópole se situará para captar datos da Terra. O globo chegará á estratosfera nun tempo estimado de dúas horas e fará as funcións dunha sonda meteorolóxica. 

Durante ese tempo, seguirase a súa traxectoria mediante radiofrecuencia e, grazas a sensores e cámaras instalados nunha caixa elevada grazas ao globo, recollerá imaxes e datos de temperatura, presión e outros parámetros. Despois, retornará á superficie terrestre ata un punto estimado mediante predicións de caída e recollerase para extraer toda a información recollida, coa que os estudantes traballarán posteriormente.

O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa calificou a iniciativa como “unha excelente oportunidad, con un excelente aliado, para formar xoves excelentes”. Agradeceu a Ricardo Capilla a súa “intelixente actividade” cos estudantes e sinalou que “nos unen os xoves e nos une a ciencia, temos unha militancia coñecida nesta causa, e dende hoxe verémola medrar significativamente”.

Galería de imaxes

Fai clic nunha delas para activar o visor

Fotografías de Lena Repetskaya

 

Vídeo