Colaboracións e patrocinios

O Consello Social colabora co desfile “Debut 2019”, evento que chega á 13ª edición

2019-10-22T13:05:09+00:0022 de Outubro de 2019|Colaboracións e patrocinios, Novas|

O desfile “Debut  2019” concíbese coma unha ponte entre o mundo académico e profesional, na que os novos titulados e tituladas de Esdemga  presentan as coleccións que desenvolveron como traballo de fin de estudos, o 21 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. O evento, que chega este ano á súa décimo terceira edición, solicita voluntarios e voluntarias que fagan posible levar estes deseños á pasarela. Este mes de outubro está aberto o período de inscrición para todas persoas que queiran colaborar actuando de modelos. Para iso poden acudir ao despacho de Esdemga, na Facultade de Belas Artes, entre as 9.30 e as 13.30 horas de luns a venres ou entre ás 16.30 e as 18.30 horas os martes e xoves, así como contactar coa organización a través do correo electrónico info.esdemga@uvigo.es.

Lola Dopico, directora de Esdemga, explica que se “trata dunha colaboración totalmente amateur, para a que cada ano buscamos grupos de xente de diversas idades, xa que tanto o número de modelos como os perfís dependen do que requiran as coleccións que finalmente se presenten”. Máis de 60 persoas colaboraron na anterior edición, a de 2018, nunha pasarela “que sería imposible sen a colaboración que temos sempre e que é tamén unha forma de que o desfile se viva non só como algo da escola, senón como un evento no que participa moita xente de todas as idades”.

A organización do desfile verase complementada, na semana da súa celebración, por unha serie de obradoiros e conferencias, así como por unhas xornadas técnicas nas que os novos titulados e tituladas manterán unha serie de entrevistas con responsables de recursos humanos de diferentes empresas do sector.

O Consello Social colabora na organización do evento.

[Informacións e imaxe recollidas dunha nova do DUVI]