A festa deportiva da Universidade de Vigo cambia cada ano de emprazamento, rotando a responsabilidade dun campus a outro. Este ano o evento foi no campus de Ourense, no salón de actos do Politécnico, o xoves 21 de novembro, e coma sempre o organizou a Área de Benestar, Saúde e Deporte. Durante o acto, corenta e unha persoas e colectivos, principalmente da comunidade universitaria, recolleron os galardóns en recoñecemento ao seu compromiso co deporte e cos seus valores.
A presentadora da Gala foi a actriz Iria Pinheiro e a madriña Almudena Pazos, bombeira galardoa en competicións internacionais de policías e bombeiros e campioa galega de orientación. “Hoxe é un día de festexo pero tamén de reivindicación, pois con esta festa visibilizamos os valores que moven á comunidade deportiva da Universidade, celebramos así a disciplina, o traballo en equipo, a constancia e o esforzo das persoas que día a día incorporan o deporte ás súas vidas”, salientou Iria Pinheiro na presentación do evento. Pola súa banda, Almudena Pazos fixo un alegato sobre a importancia de rachar o teito de cristal no deporte, na educación e na sociedade para que “as nenas e os nenos poidan ser o que queiran ser”.
Os galardóns
A festa contou coa actuación da compañía Pablo Méndez Performance e coa asistencia de numeroso público. O reitor da Universidade de Vigo foi o encargado de entregar a distinción á deportista do ano que nesta ocasión recaeu na nadadora olímpica Beatriz Gómez.
O VIII Premio Vida á traxectoria persoal e deportiva, foi entregado por Ernesto Pedrosa –presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, entidade que patrocina o evento– a José García Calvo Willy, coordinador e alma máter dos roteiros culturais da UVigo desde o seu nacemento en 1999 e unha figura destaca no desenvolvemento da cultura de andainas no país.