A Guía de los peces óseos marinos de la península ibérica y Baleares, unha obra que recolle información detallada de 317 especies, foi presentada o xoves 23 de xullo no edificio Redeiras de Vigo. A publicación, froito de máis de dez anos de traballo do ictiólogo Rafael Bañón que a coeditou co investigador do Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo Jesús Souza, supón a primeira guía deste tipo que emprega fotografías a cor de cada especie como principal recurso para facilitar a súa identificación, unha singularidade que os seus autores destacaron como o principal valor engadido da obra.

Capa do libro presentado
O acto de presentación, que contou coa presenza de representantes do sector pesqueiro, portuario e empresarial, así como coa participación do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, puxo de relevo a importancia desta guía tanto para o ámbito científico como para o económico. A publicación, que inclúe especies desde as costeiras ata as que habitan a máis de mil metros de profundidade, está concibida como unha ferramenta de consulta para persoal investigador, estudantado, laboratorios docentes e profesionais do sector pesqueiro, contribuíndo así á mellora do coñecemento dos ecosistemas mariños e á xestión sostible dos recursos.
A obra, que segundo o exdirector do CIM Daniel Rey “será unha referencia para as próximas décadas”, conta co apoio do Consello Social da UVigo, que exerce así o seu compromiso coa investigación e a divulgación científica.
A guía complétase cunha introdución que presenta conceptos anatómicos, taxonómicos e biolóxicos, e responde tanto ás necesidades dos buques oceanográficos como das confrarías e lonxas. A súa utilidade para o sector foi subliñada polo presidente de Arvi, Francisco Javier Touza, quen destacou a necesidade de “dispoñer da mellor ciencia” para acadar a sostibilidade, mentres que o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, incidiu na súa contribución á seguridade alimentaria e á preservación da biodiversidade.