Colaboracións e patrocinios

Celébrase o II Foro Empleo que conta coa axuda do Consello Social

2020-02-20T17:42:36+00:0019 de Febreiro de 2020|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Este mércores, 19 de febreiro inaugurouse o II Foro Empleo. Nel, as principais consultoras e despachos de avogados do país, algunhas das firmas máis relevantes dos sectores téxtil, alimentario e biotecnolóxico, entidades bancarias, aseguradoras e organismos públicos participan durante dous días –na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais– na segunda edición de Foro Empleo, unha cita na que o alumnado desexoso de incorporarse ao mundo laboral se relaciona con múltiples profesionais en busca de talento que contratar. Os mini-stands están instalados no vestíbulo central e nos diferentes corredores da facultade, que se  converteu nun auténtico recinto feiral.

A inauguración do encontro celebrouse á mediodía no salón de actos do centro, ata onde se desprazaron a maior parte das persoas asistentes. O Reitor presidiu o acto  acompañado do concelleiro de Cultura, Emprego e Participación Cidadá do Concello de Vigo e o decano da facultade, Jorge Falagán. Alén da UVigo e do Concello, patrocinaron o Foro a consultora Deloitte e o Consello Social, entidade que xa colaborou na edición anterior e cuxo presidente, Ernesto Pedrosa, non puido estar presente.

[Información e fotografía tiradas dunha nova do DUVI]