Colaboracións e patrocinios

A III Olimpiada Galega de Historia –que conta co apoio do Consello Social–celebrarase de xeito non presencial

2020-09-28T12:38:43+00:006 de Abril de 2020|Colaboracións e patrocinios, Responsabilidade social|

Estaba previsto que a  III Olimpíada Galega de Historia se celebrase o día 22 de maio no campus de Ourense mais, a causa da situación educativa provocada pola loita contra a COVID-19, a Facultade de Historia anulou a idea de presencialidade e promove un evento que transcorrerá por medio da rede. Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, explica que “dado que resulta impensable que a olimpíada se desenvolva tal e como a concibimos cando fixemos a convocatoria, decidimos lanzar un novo proxecto que consiste en levala a cabo desde a casa, en consonancia coas actividades que está realizando a Universidade de Vigo” nesta etapa de confinamento.

A modalidade desta terceira edición mantén o espírito co que se creou a Olimpíada: fomentar a paixón polo coñecemento do pasado entre os máis novos e novas. Terá un formato de pregunta-resposta para catro estudantes por equipo que estarían conectados entre si por rede, podendo participar o alumnado matriculado no curso 2019/2020 en cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria ou Educación Secundaria de Adultos dos centros de Ensino Secundario de Galicia.

A realización da olimpíada está supeditada a acadar un número mínimo desexable de centros participantes. Para animar a unirse a esta iniciativa, a decana da Facultade de Historia salienta como a participación dos centros “sería unha forma de preparar a materia de Xeografía e Historia de cuarto da ESO e propor ao alumnado confinado un novo reto”. Para a facultade, engade a súa responsable, “supón non renunciar a un proxecto ilusionante e adaptarnos ás normas do confinamento sen renunciar ás propostas que tiñamos previamente”. En caso de acadar o número de centros necesarios para a súa celebración, a olimpíada adaptaría as súas bases ao novo contexto de celebración dunha cita que conta coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo e outras entidades (Xunta de Galicia, Concello e Deputación de Ourense, Coren, Grupo Cuevas, Editorial Galaxia e Caldaria). O prazo para apuntarse está aberto ata o 17 de abril.

[Informacións recollidas dunha nova do DUVI]