[Na imaxe de arriba, Carlos Bello, residente en Mozambique e unha das persoas participantes]
Hai uns días publicábamos esta información:
O Observatorio de Persoas Tituladas creouse co propósito de facer un seguimento dos egresados e egresadas da UVigo e coordinar o relativo ao antigo alumnado. Púxose en marcha tras a aprobación do proxecto polo Consello Social en abril de 2016. Nestes catro anos configurouse como un punto investigador permanente que estuda as traxectorias e situación laboral, e localiza as persoas tituladas desde o ano 1990, cando se fundou a Universidade de Vigo.
Hai algo máis de mes e medio, o Observatorio propuxo unha luminosa iniciativa nos tempos escuros de temores e confinamento: Aló cando a OMS declarou o COVID-19 como pandemia global e antes de que o goberno galego decretase a emerxencia sanitaria o 13 de marzo, o Observatorio solicitou aos antigos e antigas estudantes que viven polo mundo adiante que trasmitisen unha breve crónica ou reporte da súa experiencia persoal nos países de destino en relación á situación creada polo virus.
As respostas comezaron a chegar axiña. En primeiro lugar e por razóns evidentes de Italia, logo do Reino Unido, Alemaña, Portugal, Francia, Suiza, Irlanda, Noruega, Polonia, Albania, Mozambique, Xapón, Illa Reunión… Agardan chegar a facer unha radiografía planetaria cos representantes da rede –o “noso corpo diplomático”– presente en 70 países dos cinco continentes.
Diariamente publican os comentarios nos seguintes espazos:
No blog do “Corpo Diplomático da UVigo” (Publícanse antes aquí):
https://corpodiplomaticouvigo.blogspot.com/
Na páxina de LinkedIn do Observatorio
https://www.linkedin.com/company/observatorio-uvigo/
Na web oficial (xestionada desde a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais):
http://observatorio.egresados.webs.uvigo.es/covid-19/
As experiencias relatadas transmiten múltiples situacións: antigos alumnos que traballan desde casa (teletraballo), outros que seguen nas súas ocupacións con “normalidade” (Estados Unidos, Mozambique,…) e casos de persoas que perderon o emprego por causa desta crise.
Desde o Observatorio informan que as reaccións á iniciativa están a ser moi enriquecedoras e que a valoración da proposta é moi positiva por parte das persoas ás que se dirixe. En xeral, quen participa, agradece que a UVigo se preocupe pola súa situación. Lembran tamén o interese que pode ter para todos os implicados e implicadas sumarse á rede de persoas tituladas. Con tal motivo deseñaron unha imaxe reciclando a do famoso “apelo” do Tío Sam como se ve a carón deste texto.
E recementemente (12-05-2020), o DUVI publicou unha outra noticia onde se amplia a información sobre a iniciativa con declaracións e textos das vivencias. Velaí un parágrafo con declaracións do director do Observatorio:
“Cada unha das crónicas recibidas achega, de forma desinteresada, unha visión en primeira persoa de como o mundo está a experimentar esta crise global, inaudita na historia da humanidade, pola súa dimensión nos ámbitos sanitario, económico e social”, explica Luis Espada, que desde o Observatorio que dirixe, e no que están rexistrados na actualidade preto de 12.500 antigas e antigos alumnos da Uvigo, deséxalle a todos os integrantes deste corpo diplomático “a realización dos seus proxectos vitais e profesionais”.
Podes ler a nova do DUVI nesta ligazón:
https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/mais-medio-cento-persoas-tituladas-uvigo-relatan-os-cinco-continentes-sua-experiencia-pandemia