Actos do presidente

O presidente do Consello Social entregou premios na III Olimpiada Galega de Historia

2020-07-13T12:06:31+00:0010 de Xullo de 2020|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios|

Sobrepóndose á COVID,  gañadoras e gañadores da III Olimpíada Galega de Historia achegáronse ao campus de Ourense, o venres 10 de xullo, a recibir os premios. No acto participaron Manuel Reigosa –reitor da Universidade–, Ernesto Pedrosa –presidente do Consello Social da Universidade de Vigo–, Susana Reboreda –decana da Facultade de Historia– e Fina Lage, coordinadora de Programas da Concellería de Educación do Concello de Ourense.

O Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña acadou o primeiro premio do certame, tras medirse na final co IES Santa Irene de Vigo que recolleron o segundo premio. Os terceiro e o cuarto posto foron para o IES Otero Pedrayo de Ourense e o IES Illa de Ons de Bueu, respectivamente.

A decana da facultade, fixo un balance positivo desta terceira edición do evento, a pesar de terse realizado en liña, o que provocou unhas cifras de participación inferiores a outros anos: “O reto era considerable, pero decidimos afrontalo co lema ‘a pandemia non nos para’. Utilizamos as ferramentas que a UVigo puxo a disposición da comunidade universitaria para continuar o curso. Hoxe, cando pechamos esta actividade entregando os premios ás e aos gañadores, considero un éxito rotundo a idea e a posta en marcha”.

En total, na proba que tivo lugar o pasado 29 de maio, participaron medio cento de estudantes de 12 centros de Educación Secundaria de distintos puntos de Galicia. A través da plataforma Kahoot, as e os estudantes competiron durante tres horas en diferentes rondas de pregunta-resposta sobre os contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de 4º curso de Educación Secundaria.

O Consello Social, como xa fixo en anteriores convocatorias, patrocinou o evento.

[Informacións e imaxe tiradas dunha nova do DUVI]