Colaboracións e patrocinios

O Pont-Up Store, co que colabora o Consello, mantén o programa virtual e adía as actividades presenciais por mor da COVID-19

2020-09-28T12:22:19+00:0014 de Setembro de 2020|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

O concello de Pontevedra converteuse hai uns días nunha zona con restricións especiais por mor da COVID-19, feito que motiva o adiamento das actividades presenciais da sétima edición do Pont-Up Store previstas para o período que vai do 17 ao 19 de setembro. A instalación na praza de España dunha carpa na que 40 empresas ían dar a coñecer os seus produtos e servizos e na que se ían desenvolver outra serie de actividades, farase cando a situación sanitaria o permita. Porén, o Pont-Up Store mantén o seu programa de actividades formativas, que se levarán a cabo a través da rede. Deste xeito, entre o xoves e o sábado celebraranse 14 talleres, coloquios e seminarios.

A sétima edición do Pont-Up Store ten como novidade a incorporación dun espazo dirixido a promover a internacionalización das empresas con tres obradoiros en liña dirixidos a achegar as experiencias de emprendedores e emprendedoras doutros países e a amosar como facer fronte aos medos á hora de emprender no estranxeiro e a como construír redes de alianzas internacionais.

No Espazo de Igualdade reúnense dúas actividades: o sábado, unha mesa redonda con “háckers éticas galegas, expertas en ciberseguridade” e o xoves, un coloquio sobre como a pandemia afecta o posicionamento laboral das mulleres, no que intervirán seis emprendedoras participantes en anteriores edicións.

Como o viña facendo en anos anteriores, o Consello Social colabora nesta sétima edición.

[Informacións e imaxe recollidas dunha nova do DUVI]