A asociación Provivienda Galicia e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade fanse cos II Premios Consello Social UVigo_Humana

2020-12-18T18:07:14+00:001 de Decembro de 2020|Novas, Responsabilidade social, UV-Humana|

A asociación Provivienda e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade son as entidades gañadoras dos II Premios Consello Social UVigo_Humana, galardóns cos que o Consello Social da Universidade de Vigo e a propia Universidade buscan recoñecer o labor de persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, que teñan sobresaído na súa traxectoria en calquera ámbito relacionado coa solidariedade e a cooperación. A entrega de premios será o venres 18 de decembro na sala 1 do edificio Miralles nun acto de carácter semipresencial que será retransmitido por UVigoTV e no que tamén se entregarán os premios aos mellores TFG/TFM en temáticas relacionadas coa Axenda 2030.

No caso de Provivienda –premio correspondente  á categoría de ámbito galego– o xurado valorou en conxunto a traxectoria desta asociación, salientándose especialmente a súa actividade en Galicia. “Provivienda inicia a súa actividade nesta comunidade a principios do ano 2017 pero neste breve espazo de tempo vén desenvolvendo un importante labor en todo o relativo ao acceso a vivenda dende unha perspectiva integradora”, tal e como se explica na resolución.  Na actualidade ademais da sede en Vigo establecéronse tamén en Ourense e están comezando a súa actividade en Santiago de Compostela. A comisión destaca  o impacto do traballo realizado por unha asociación que, a pesares de levar pouco tempo implantada en Galicia, facilitou xa o acceso a unha vivenda digna a máis de 300 persoas. Valorouse especialmente a variedade de colectivos en situación de vulnerabilidade atendidos, incluíndo familias monoparentais, persoas migrantes, persoas novas, persoas con diversidade funcional, minorías étnicas, refuxiados e solicitantes de protección internacional.

A categoría de ámbito internacional foi neste caso para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que dende o ano 1997 vén realizando labores de cooperación internacional para o desenvolvemento cos países do sur e a sensibilización da cidadanía galega arredor dos retos e das desigualdades sociais. A comisión valorou moi positivamente o enfoque descentralizado da rede, “asumindo que o Estado non é o único actor con responsabilidade no ámbito da redución da pobreza e as desigualdades entre norte e sur”. Valoráronse tamén os logros acadados superando na actualidade os 150 proxectos desenvolvidos en máis de 20 países, entre eles Nicaragua, Cuba, Perú, Cabo Verde, Mozambique e os territorios palestinos.