Discursos do presidente

Discurso de Ernesto Pedrosa na presentación da Proposta de novas titulacións para o SUG.

2021-01-21T19:06:14+00:0018 de Xaneiro de 2021|Discursos do presidente|

Compostela, 12 de xaneiro de 2020

Foi o ano 2020 un devir constante de sucesos estraños, incertos e adversos. Quedará para a historia que nos tocou e aínda nos toca vivir, un difícil e descoñecido escenario existencial que alterou e ameazou as nosas conviccións e fixo vellos de súpeto os modelos de convivencia que nos serviron ata entón. E xustamente foi aí cando, como sociedade desconcertada, convocamos e invocamos máis que nunca ás universidades, para aproveitar a súa autoridade moral, acreditarnos coas súas referencias e pór os seus coñecementos no centro de operacións das nosas inquietudes, as nosas necesidades e as nosas dúbidas.

De súpeto converteuse en tarefa urxente a universidade humanista, audaz, aberta, que fose capaz de rescatarnos, que se esforzase por ser accesible, comprometida socialmente e cos reflexos intactos para alimentar á comunidade de certezas novas, capaz de saírmonos ao camiño e de abrirse a itinerarios inexplorados para garantir a igualdade de oportunidades para todos, e que mirase de fronte e en primeira liña ás necesidades, as esixencias e as carencias que non esperabamos atopar pero que se nos estaba a presentar a tal velocidade que apenas deixaba tempo para asimilalas. Aínda que só fose porque, como deixou dito Vargas Llosa en La llamada de la tribu: no mundo da educación é onde máis inxusto é o privilexio.

E así, probablemente a universidade estea a protagonizar unha das maiores transformacións da súa longa historia. Todas as reflexións, as análises, os consellos, as recomendacións, as críticas, as esixencias e as múltiples teorías que empezaban a saturar a resistencia da estrutura universitaria durante a normalidade, mudaron de súpeto, e tanto o proceso ao que está a ser sometida como as súas consecuencias son imprevisibles. Esa perspectiva alimenta tanto o optimismo como as sombras sobre o futuro da universidade e o seu modelo. E o que resulte, dependerá en boa parte do acerto das decisións que se tomen agora. Como a que nos convoca hoxe aquí.

Din os expertos, como Rafael Puyol, que cando nos espertamos coa pandemia, as necesidades das universidades xa estaban aí, e que, superado o desconcerto ocasionado polo virus, convén darlles resposta. E como debería ser a universidade ideal?:

  • Que poña no centro aos alumnos e lles aprenda de modo activo
  • Que sexa profundamente dixitalizada
  • Que investigue e difunda o coñecemento útil e aproveitable
  • Que responda as necesidades formativas da contorna
  • Que teña alumnos e profesores estranxeiros, o que se di glocais
  • Que teña autonomía e unha administración áxil
  • Que sexa todo o especializada que poida
  • Que dispoña de suficientes recursos
  • Que estea ben conectada co tecido empresarial
  • Que intensifique a formación continua en coñecementos e capacidades

Como se ve, moi similares ás conclusións do estudo pioneiro e valente que se nos presenta hoxe. Son reflexións en ambos os casos que se xogan no campo de acción dos Consellos Sociais. Porque a misión de achegar a empresas e universidades está na medula dos Consellos Sociais. E os alumnos no centro de todas as operacións.

Máis que nunca, desde os consellos sociais somos conscientes de que é o momento da educación, de que o talento formado debe ser o verdadeiro motor do desenvolvemento e do benestar económico e social, e de que na formación dese talento as universidades serán protagonistas necesarias e insubstituíbles. A Conferencia de Consellos Sociais deixouse ouvir recentemente no cume empresarial que organizou a CEOE. Alí dixemos, a través do presidente da Conferencia, que a materia pendente de España é formación e educación, e a sociedade debe asumilo.

Por todo o devandito, creo que o estudo que hoxe se nos presenta ten algo de heroico, porque nos sinala o camiño e nos leva lévanos  onde durante moito tempo estivemos querendo ir. Nestes tempos de constante evolución social e de aparición de empregos ata agora descoñecidos e de novos perfís profesionais, este traballo enorme é unha necesidade e tamén unha garantía de que a universidade é unha valiosa e flexible aliada territorial, condición que convén non perder de vista. E traio aquí a reflexión de que é exixible manter unha oferta adaptada a unha sociedade dinámica, ás necesidades do alumnado e ás demandas dos empregadores, pero sen esquecer que as universidades tamén deben formar en valores ademais de manter e incrementar o coñecemento de vangarda das artes, das humanidades, as ciencias e a tecnoloxía, e, engadiría eu, formar cidadáns éticos, con espírito crítico e educados no máis amplo sentido da palabra.

As universidades cambiaron moito e –con seguridade–seguirán facéndoo. E os Consellos Sociais tiveron e teñen a súa parte de obrigado protagonismo; xa desde o seu propio nacemento e a súa constante presenza, contribuíron a abrir, dinamizar e aproximar as universidades. E desde a súa actividade, o seu compromiso e competencias estenderon en maior ou menor medida a influencia, o recoñecemento e o valor da institución e as súas prestacións entre a sociedade. É o exixible.

Parabéns polo traballo. E que nos axude a que a universidade se poña á fronte das nosas incertezas e das nosas esperanzas.