Colaboracións e patrocinios

O Consello axuda ás titulacións con dificultades para realizar prácticas preprofesionais co Plan Prácticums

2021-12-10T12:02:47+00:008 de Decembro de 2021|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

O Consello Social convoca axudas ás titulacións da Universidade de Vigo que presenten maiores dificultades para que o seu alumnado acceda ás prácticas preprofesionais por se desenvolver a súa formación en áreas pouco axeitadas para a formalización de convenios. O obxectivo específico das axudas é o de fomentar a adaptación dos perfís de egreso dos titulados e tituladas ás demandas das entidades empregadoras, complementar a formación do alumnado fóra das aulas, propiciar as prácticas e mellorar as expectativas no mercado laboral.

Con esta iniciativa, o Consello Social promove –fóra das aulas– actividades de orientación laboral e inserción na vida práctica profesional. Tamén persegue achegar información e asesoramento ao alumnado sobre as posibilidades de emprego nos distintos sectores da produción, a industria, as administracións, os servizos etc., mediante a realización de obradoiros, seminarios, prácticums, visitas, relatorios, mesas redondas ou conferencias, con profesionais relevantes no ámbito do que se trate.

Máis dunha ducia de centros participaron nos últimos anos nesta convocatoria do Consello Social, xestionando as axudas en diversas proxectos, accións e actividades, dentro do ámbito que permite o Plan Prácticums

Información sobre a convocatoria 2022

Poden acceder ás axudas as titulacións de grao que contemplen prácticas no seu plan de estudos e que se atopen con dificultades para a súa realización. As actividades destas prácticas deben desenvolverse ao longo do exercicio 2022.

As solicitudes de participación serán presentadas pola persoa responsable do centro antes do día 20 de xaneiro de 2022, por rexistro e dirixidas á Secretaría do Consello Social da Universidade de Vigo. Nelas, ademais do impreso (descargar aquí), deberá constar o programa de Prácticum previsto, un calendario e unha breve descrición de obxectivos e contidos, expondo e xustificando razoadamente as circunstancias excepcionais e as dificultades da titulación para o acceso ás prácticas, así como unha proposta inicial de orzamento.

No proceso de valoración de solicitudes primarán as prácticas externas sobre as conferencias, tendo a mesma consideración ben sexan convocatorias presenciais ou telemáticas. Así mesmo veranse favorecidas as solicitudes que teñan un maior grao de execución da axuda que lle fose concedida na edición anterior.

O Consello Social farase cargo dos gastos de cada programa aprobado ata unha cifra máxima de 5.000,00 euros, e a contía será determinada pola Comisión de Actividades e Servizos. O Consello Social destinará no exercicio 2022 ata un máximo de 30.000,00 euros a esta convocatoria.

Do importe da axuda asignada a cada titulación, poderá percibir, unha vez aprobada a concesión, ata un 60% do total con cargo aos gastos que acredite. O 40% restante quedará suxeito á presentación dunha Memoria final que se deberá entregar concluída a actividade, e na que se xustificará o desenvolvemento e cumprimento do programa.

Plan de apoio Prácticums 2022 Documento PDF, 138 KB