O Consello Social aproba o orzamento da UVigo para 2022 así como o presuposto e liñas de actuación do propio Consello

2021-12-28T20:32:11+00:0028 de Decembro de 2021|Novas|

O pleno do Consello Social da Universidade de Vigo deu o visto bo ás contas universitarias para 2022 nunha reunión na que tamén se informou sobre o teito de gasto da UVigo para o exercicio do vindeiro ano. Támén se aprobou o orzamento e as liñas xerais do plan de actuación do Consello Social para o novo ano e a desadscrición do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa, IESIDE, dependente de Abanca, entidade que está inmersa na posta en marcha da súa propia universidade privada.

As contas de 2022 da UVigo ascenden a 198,7 millóns de euros, as máis elevadas da súa historia. A este respecto, o presidente do Consello Social Ernesto Pedrosa destacou que se trata dun presuposto no que a partida da Xunta representa cada vez menos, o que evidencia a capacidade da UVigo para atraer recursos externos. “Recollo aquí as felicitacións feitas desde a comisión económica que preside Juan M. Vieites ao equipo reitor, neste caso pola xestión económica e de persoal que se está a desenvolver”, subliñou o presidente do Consello Social.

En relación ao plan de financiamento Pedrosa amosou tamén a súa satisfación, destacando dous aspectos claves: “o decidido apoio á ciencia e á investigación, e a obriga de render contas á sociedade”. Nesta liña, resaltou o feito de que as universidades reciban máis fondos en función do éxito dos seus estudantes, para o que un dos criterios será  que a taxa de cambio de carreira ou de abandono sexa baixa, “un problema sobre o que volveremos solicitar ao equipo de goberno información e medidas de choque previstas, tal e como pide a Xunta, xa que representa un problema de perda de recursos públicos e de frustración de expectativas persoais dunha xeración”.

Mapa de titulacións, máster de Aeronáutica e desascrición do IESIDE

Respecto ao mapa de titulacións Reigosa indicou que os procesos electorais que se vivirán en próximas datas tanto nas universidades de Santiago de Compostela, primeiro,  como na de Vigo, “a finais de abril ou principios de maio”, aconsellaron adiar de momento este debate “de xeito que non se comprometa aos novos equipos reitorais que saian das urnas nunha cuestión tan importante para o futuro da universidade galega”.

Tamén se referiu Pedrosa a que se agarda que, en breve, poida tratarse no pleno do Consello Social o Máster de Aeronáutica exclusivo no Campus de Ourense, despois de dous anos de negociacións improdutivas coa Universidade da Coruña. “Agardo que no primeiro pleno de 2022 poida ser informada a memoria do mestrado, que deberá ser enviada á Xunta antes do 30 de abril para que o título poida ser ofertado o próximo curso”, recalcou o presidente, ao tempo que fixo fincapé en que a decisión final dependerá da posición que adopte a consellería, pero “o cambio de fórmula realizado desde esta Universidade abre serias esperanzas e, sobre todo, achega a tranquilidade de que todo o que se pode facer, faise”.

Con respecto á desascrición do IESIDE esta era unha cuestión que se viña tramitando desde que en xuño de 2019 o Consello de Goberno decidira denunciar o convenio entre a Universidade e Caixanova para a adscrición deste instituto a raíz da decisión da antiga caixa de aforros de promover unha universidade privada no ámbito xeográfico de Galicia. O proceso dilatouse no tempo porque tal e como indicaron desde o Consello Social e da propia Universidade, o obxectivo era protexer en todo momento os dereitos do alumnado alí matriculado e garantirlles que ían poder rematar con garantías a súa titulación. “Agora mesmo temos xa un convenio entre as dúas institucións, asinado por asentimento e, simplemente, estaba pendente deste trámite final”, explicou Reigosa, quen se amosou moi satisfeito cun documento que “garante os dereitos do alumnado que entraron no IESIDE como escola adscrita da Universidade de Vigo”.

A Oferta de Emprego Público do PAS

A Oferta de Emprego Público (OEP) do Persoal de Administración e Servizos para o ano 2021 -82 prazas- foi outro dos aspectos sobre o que tamén se pronunciou o pleno do Consello Social. Nas cuestión de carácter máis académico o pleno emitiu informes favorables sobre diferentes cuestións que xa pasaran previamente por Consello de Goberno como a modificación dos títulos de Máster universitario en Biotecnoloxía avanzada e Máster universitario en Tradución para a Comunicación Internacional para o curso 2022-2023, dous títulos que o pasado verán acadaron a mención de excelencia da Xunta, o que obrigaba a  incorporar no seu plan de estudos formación en materias de emprendemento e empregabilidade.

Deuse ademais luz verde ao calendario e procedemento para a aprobación de verificación e modificación de títulos de grao, máster e doutoramento para o curso 2023-2024. Falouse tamén sobre os prezos dos cursos dos títulos propios e da proposta de prezos reducidos para o Curso de especialista en Ciberseguridade industrial.


> Informe ao Pleno do Presidente do Consello Social

Informacións do DUVI relacionadas con esta nova: