No pleno do Consello Social, a designación da nova xerenta foi aprobada co respaldo da maioría dos seus integrantes, agás dúas persoas que se abstiveron. O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, destacou na súa intervención a consistencia do currículo de Yolanda Lesmes, así como a “dilixencia e traballo” do equipo de goberno da UVigo na súa elección.
Yolanda Lesmes, ata o de agora responsable da Dirección de Recursos Humanos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e anteriormente da Dirección de Recursos Humanos da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, incorpórase ao cargo en substitución de Raquel Souto García, que desempeñou o posto de xerenta durante o primeiro mandato de Manuel Reigosa. A nova xerenta da UVigo desenvolveu a súa traxectoria profesional na asesoría xurídica da Dirección Provincial do Sergas en Vigo, sendo ademais xefa de servizo de Recursos e Reclamacións , asumindo tamén a subdirección de Relacións Laborais e Réxime Xurídico na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas. Secretaria provincial da Consellería de Asuntos Sociais en Pontevedra, ocuparía posteriormente, entre os anos 2009 e 2018 a Secretaría Territorial da Xunta de Galicia en Vigo.