Actos do presidente

Un novo San Tomé, con Pedrosa na mesa presidencial, recoñece ao alumnado máis excelente dos dous últimos cursos

2023-01-31T09:59:41+00:0027 de Xaneiro de 2023|Actos do presidente, Novas|

O venres 27 de xaneiro celebrouse o San Tomé de Aquino 2023, a conmemoración do patrón da universidade. A mesa presidencial estivo composta polo Reitor, acompañado de Ernesto Pedrosa –presidente do Consello Social–, as vicerreitoras dos campus de Ourense e Pontevedra –Elena Rivo e Eva Lantarón–, e as de Estudantado e Empregabilidade, Investigación e Extensión Cultural –Natalia Caparrini, Belén Rubio e Susana Reboreda, respectivamente–. Estes representantes universitarios entregaron as insignias da UVigo ao alumnado galardoado cos premios extraordinarios de grao e doutoramento do curso 2021-2022,  así como ás seis premiadas cos Egeria e ás e aos galardoados cos premios á excelencia académica para alumnado que iniciou estudos de grao e de mestrado na Universidade de Vigo no curso 2022/2023.

En total, máis de 150 estudantes da UVigo recibiron este venres os galardóns que as e os acreditan como o alumnado máis excelente de grao, doutoramento e mestrado dos dous últimos cursos. Foron 76 estudantes (42 mulleres e 34 homes) os que recibiron os premios extraordinarios de grao e doutoramento do curso 2021-2022, dos que 54 (24 do campus de Vigo, 13 de Ourense, 9 de Pontevedra e 8 de centros adscritos) son galardoados de grao, e 22  (12 mulleres e 10 homes) de doutoramento, dos que 4 corresponden ao ámbito arte e humanidades; 8 ao de ciencias; 4 ao de enxeñaría e arquitectura e 6 ao xurídico-social. A estes se engaden 75 premios á excelencia académica para alumnado que iniciou estudos de grao e mestrado na Universidade de Vigo no curso 2022/2023, dos que 50 corresponderon a alumnas e os restantes a alumnos. No acto de celebración do patrón da universidade tamén se entregaron os seis Premios Egeria que convoca a Unidade de Igualdade da UVigo co obxectivo de fomentar a introdución da perspectiva de xénero nos estudos e na investigación, e que este ano distinguiron a seis alumnas da Universidade de Vigo polos seus traballos fin de grao e fin de mestrado nas diferentes ramas do coñecemento.

Xente ben preparada nunha universidade especial

O presidente do Consello, Ernesto Pedrosa, xunto con outras autoriadades académicas e o alumnado distinguido no acto

O reitor da UVigo fixo o seu discurso recoñecendo o esforzo e o talento das persoas premiadas, asegurando que non é suficiente ter “unha colleita de xente ben preparada”, que cómpre programar o futuro e saber que queremos facer con este talento. Recordou o problema demográfico que enfronta Galicia nos próximos anos, así como os elementos que ao seu entender fan da UVigo unha universidade moi especial: o agarimo académico, o traballo desenvolvido coas empresas da contorna e o respecto polo rigor académico, que fai posible “que esteamos entre as 600 mellores universidades do mundo”. Facer da Universidade de Vigo unha punta de lanza da lingua e a cultura galega no mundo; que sexa unha institución igualitaria, “temos medidas pioneiras, pero queda moito camiño por percorrer”. “Pídovos que sexades embaixadores da UVigo”, solicitou ao remate do seu discurso ás alumnas e alumnos que hoxe asistiron ao acto de celebración de San Tomé, aos que tamén animou a seguir formando parte da institución a través da comunidade Alumni.

Vídeo do evento

UVigoTV preparou un vídeo que recolle a hora e cuarto que durou o acto.