Colaboracións e patrocinios

[ACTUALIZACIÓN VÍDEOS] O Consello Social colabora na 8ª Competición de Robots na que participaron 600 estudantes de toda Galicia

2023-05-10T17:53:45+00:0024 de Abril de 2023|Colaboracións e patrocinios, Novas|

O venres 21 de abril seiscentos estudantes de ESO, institutos e universidades puxeron a proba os seus robots na Escola de Enxeñaría Industrial. Foi esta a oitava edición da Competición de Robots, catro anos despois da celebración da 7ª, superada xa a pandemia de covid-19.

A acollida superou as expectativas da organización, como recoñece o director da EE Industrial, Juan Pardo Froján, e os corredores e aulas do centro foron “invadidas” polos 116 equipos participantes nas dúas categorías do concurso. Cada un dos grupos tivo que deseñar e construír o seu propio robot a partir dun kit básico, o mBot 2, un autómata educativo de última xeración impulsado por CyberPi, un microcontrolador educativo mellorado con capacidades de conexión en rede, sensores integrados e moitas melloras respecto de edicións anteriores, como destaca o director. Ademais, como subliña o director, foi o ano no que houbo maior diversidade na procedencia dos colexios e institutos.

A outra novidade desta edición foron as categorías: BE-ROBOT e DeMO-ROBOT, que substitúen as tradicionais WALL-e e R2D2: a primeira delas para alumando de ESO e Bacharelato e a segunda para o estudantado de ensino superior.

O obxectivo desta actividade é, por unha banda, que as e os participantes apliquen os coñecementos adquiridos en materias STEM no eido da robótica a través de divertidas probas e retos e, por outra, achegar a Universidade de Vigo ao alumnado do ensino secundario, dando a coñecer as titulacións que se imparte na escola e fomentando o interese polas disciplinas relacionadas co eido da enxeñaría e a tecnoloxía. Ademais, no caso concreto da categoría DeMO-ROBOT para ciclos e graos, preténdese potenciar a autoaprendizaxe no deseño, construción e programación de robots autónomos, á vez que se estimula a atracción e desenvolvemento do talento habilitador ante os novos retos da industria do futuro, como sinalan dende o centro.

Premiados

A competición arrancou para os 106 equipos da categoría BE-ROBOT ás 10.00 da mañá, coas sesións de quecemento e preparación dos robots. Posteriormente, os tapices instalados en diversos puntos da EEI acolleron as dúas probas desta competición: Segue a liña ‘marchoso’ e Velódromo ‘mareante’, nas que tiveron que, no primeiro caso, dar unha volta completa a un circuíto marcado no chan o máis rápido posible, evitando todos os obstáculos e, no segundo, completar o número de voltas no menor tempo posible a un recinto circular, no que tamén deberon facer fronte a obstáculos. Ás 11.30 hora arrancou a competición na categoría DeMO-ROBOT, con dez equipos inscritos, que se mediron nas probas de rastrexo, labirinto e triplo ensaio con illa, todas elas individuais, e a unha proba colectiva de sumo, na que tan só un robot podía permanecer dentro do ring.

Finalmente na categoría BE-ROBOT para 1º e 2º da ESO o equipo gañador foi o do Illa de Arousa 2, do IES Illa de Arousa, mentres que o segundo premio foi para Velocikar, do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo e o terceiro para Equipo2ames, do IES de Ames. Nesta mesma categoría pero para 3º e 4º da ESO, os gañadores foron Baiona I, do IES Primeiro de Marzo, o segundo posto para Brión I, do IES de Brión e o terceiro para Illa de Arousa 5, do IES Illa de Arousa. Entre o alumnado do 1º de Bacharelato, o primeiro posto foi para Baiona 4, do IES Primeiro de Marzo, o segundo para Horse Powers, do IES Manuel García Barros, da Estrada e o terceiro para Pedras Rubias B2, do IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas.

Na categoría DeMO-ROBOT, o primeiro premio foi para Guntineitor, o segundo para RCXD e o terceiro para Dubel e para Chapa y Pintura (Liceo Dymanics). Tamén se entregaron premios á orixinalidade, que foron para Ticquendas3, do IES Lama das Quendas e para Pedregal 2, do IES Pedregal de Irimia, en Meira. Finalmente, o premio STEM foi para Tuki Tuki do IES San Tomé de Freixeiro, de Vigo.

Participantes

Dos 106 equipos que se inscribiron na categoría BE-ROBOT, cinco era de 1º da ESO, 17 de 2º, 15 de 3º e 33 de 4º da ESO. Outros 36 estaban formados por estudantes de 1º de Bacharelato. Os outros dez equipos inscritos procedían de titulacións de ensino superior, principalmente de graos universitarios, aínda que nesta modalidade tamén tomaron parte algúns equipo de bacharelato, que apostaron por este cambio.

A Competición de Robots contou coa colaboración do Consello Social

Podes ver abaixo os vídeos do evento que gravou UVigoTV