Actos do presidente

Comeza o curso no Sistema Universitario Galego coa apertura oficial celebrada na USC

2025-09-09T09:27:45+00:006 de Setembro de 2025|Actos do presidente, Novas|

O Colexio de Fonseca. en Santiago de Compostela acolleu o acto de apertura do curso universitario no Sistema Universitario de Galicia. O acto contou coas intervencións do reitor da USC, Antonio López Díaz, do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e coa presenza dos reitores da UVigo, Manuel Reigosa, e da UDC, Ricardo J. Cao; así como dos presidentes dos seus consellos sociais, Ernesto Pedrosa e Antonio Abril; e da secretaria do Consello Social da USC, Marta Villamayor Álvarez. A lección maxistral correu a cargo do profesor Xosé Ramón Veiga Alonso.

“Asistimos atónitos a decisións políticas, mesmo en países que foron o berce da democracia, nos que se trata de someter esa autonomía das universidades a través de recortes arbitrarios  de recursos e outras medidas absolutamente inadmisibles”, explicou o reitor da USC na súa defensa da autonomía universitaria. “Fronte a eses comportamentos temos que seguir sendo militantes na defensa da universidade como unha institución autónoma”, engadiu Antonio López.

A situación de “meseta” na que se atopa a evolución demográfica na actualidade foi outro dos aspectos nos que se detivo o reitor. Antonio López lembrou que o SUG contaba no ano 2000 con 95.000 estudantes, mentres que agora as tres universidades “sumamos escasamente 65.000”. Neste contexto resulta “esencial” ampliar o público obxectivo universitario engadindo outras franxas de idade de 25 a 65 anos, “onde cobra un papel esencial a formación da reciclaxe e actualización ao longo da vida con novas fórmulas como as microcredenciais”. Tamén hai que pensar, continuou o reitor, na atracción de estudantado internacional “cunha mirada clara en Latinoamérica sen renunciar a outras alternativas”. Entre os desafíos máis relevantes para o estudantado, o reitor tamén puxo o foco na necesidade dunha acción combinada das institucións, estatais, autonómicas e locais, para ofrecer solucións públicas ao problema da vivenda.

Imaxe do salón do Colexio de Fonseca

A LOSU abriu un novo marco normativo para a Universidade en España, circunstancia que obriga a cambios profundos no seo das institucións. Neste contexto, o reitor lembrou que ademais das modificacións que deben plasmarse nos Estatutos, “estamos xa inmersos na adaptación doutros cambios, particularmente os que teñen que ver co réxime de profesorado, na liña de reducir a temporalidade ao tempo que se estruturaliza o cadro de persoal”.

Para facer fronte a todos estes retos, o financiamento é un elemento fundamental. Antonio López Díaz recordou o novo escenario que se abrirá co remate dos fondos especiais Next Generation, no ano 2026. A este feito súmase a negociación dun novo plan de financiamento para o SUG que deberá estenderse entre os anos 2027 e 2031. “Será unha boa ocasión para avanzar cara ao obxectivo establecido na lei de dedicar o 1% do PIB ao gasto público en educación universitaria pública no conxunto do Estado para achegarnos á media de inversión dos estados membros da Unión Europea”, dixo o reitor da USC.

Antonio López Díaz, quen tamén apelou á necesidade de preservar a “lealdade institucional”, rematou o que foi o seu último discurso de apertura de curso como reitor con dous desexos: “pedir o cese do xenocidio e a guerra  para que calquera persoa, en calquera parte do mundo, poida vivir e estudar en paz”, e lograr que a USC sexa, tal e como escribiu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, “cerebro de Galiza irradiando cultura e saber mais alá dos lindeiros naturais da nosa Terra”.

Pola súa parte, o presidente Rueda destacou que o acto inaugural do curso é “unha chamada á reflexión colectiva sobre o papel das universidades en tempos convulsos”. O SUG, dixo Rueda, é “un sistema consolidado, recoñecido e plural”. As universidades son “un reflexo de Galicia” e, polo tanto, son plurais, subliñou para despois lembrar que as decisións no marco dese contexto plural deben facerse nun “espazo de consenso, confianza mutua e colaboración leal”.

Toda a información nesta nova da USC.