As xornadas de benvida comezaron o mércores no campus de Ourense no que se puido ver alumnos e alumnas con moitas ganas, moitas expectativas e algo de nervios. O estudantado que comeza a súa vida universitaria no campus de Ourense achegouse á xornada de benvida organizada para elas e eles. Coa matrícula aínda aberta, a UVigo dá a benvida a un novo curso académico coa previsión de revalidar as súas elevadas taxas de ocupación, superiores ao 100% en todos os seus campus nos últimos anos.

A Xornada de benvida en Ourense
Nesta xornada, celebrada de 10.00 a 13.00 horas no pavillón de deportes do campus de Ourense, mozas e mozos puideron obter información sobre a institución académica, sobre os seus dereitos e deberes, sobre os servizos informáticos, o transporte e o aloxamento, o voluntariado e o asociacionismo, as bolsas e axudas que poden solicitar e a oferta académica complementaria que ofrece o Centro de Posgrao e Formación Permanente e o Centro de Linguas. Tamén puideron coñecer a biblioteca universitaria, os programas de mobilidade, as iniciativas de fomento do emprego e do emprendemento e as actividades de extensión universitaria e de benestar, saúde e deporte. Non faltaron os postos de atención á diversidade, da Unidade de Igualdade e de delegacións e asociacións de estudantes, así como o reparto das axendas para o novo curso elaboradas coa axuda económica do Consello Social da UVigo.
O campus de Pontevedra reuniu máis de 450 estudantes
O xoves 5 celebrouse a xornada de benvida ao campus de Pontevedra, unha serie de actos dirixidos a presentar os estudos que o novo alumnado cursará os próximos anos que, alén da actividade académica, pon a súa disposición múltiples actividades e servizos. Ao longo da mañá, responsables de diferentes servizos achegáronlles información e asesoramento de todo aquilo que a institución académica pode achegarlles alén das aulas, nun encontro que busca que coñezan os servizos, instalacións e actividades que ofrece a UVigo.
Ao longo da xornada o novo estudantado tamén puido obter información sobre bolsas e axudas, transporte, voluntariado, mobilidade, atención á diversidade, emprego e emprendemento ou sobre a programación cultural e deportiva da UVigo. Do mesmo xeito, as e os asistentes puideron coñecer, entre outros, a oferta do Centro de Posgrao e Formación Permanente e do Centro de Linguas ou o labor da Unidade de Igualdade, da Biblioteca Central do Campus, da Área de Normalización Lingüística e das asociacións e delegacións estudantís, así como recoller as axendas para o novo curso, elaboradas coa axuda económica do Consello Social da UVigo.
Coa derradeira Xornada, a de Vigo, chegouse á cifra de 2.000 estudantes participantes

Neste campus, a cita foi no pavillón universitario, ata o que se desprazaron un bo número de servizos universitarios, delegacións de alumnado e asociacións de estudantes que recibiron e atenderon os mil alumnos e alumnas que se achegaron, sumándose aos 600 que participaron nas xornadas de Ourense e 460 de Pontevedra, situándose o nivel de participación entre o 85 e o 90% das persoas convocadas.
Entre os postos que máis interese espertan entre o alumnado están o do Servizo de Bolsas, onde se informan do tipo de axudas que van poder obter; a Área de Deportes, Saúde e Benestar e o Centro de Linguas, así como as mesas nas que se lles entrega a axenda para o curso académico e unha bolsa da Universidade de Vigo.
UVigo TV realizou un pequeno vídeo sobre estas benvidas