Entre os días 24 e 26 de setembro, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu a segunda edición do Congreso internacional A protección do ordenamento xurídico ás mulleres en situación de vulnerabilidade. Este evento, organizado pola catedrática da Universidade de Vigo María José Bravo Bosch e coordinado pola profesora Carmen Ruiz Hidalgo reuniu especialistas de Italia, España e Portugal para debater sobre diferentes temáticas como o dereito penal e o dereito procesual con perspectiva de xénero ou a protección do dereito laboral das mulleres. Entre os poñentes houvo tanto expertos e expertas de universidades como representantes da maxistratura e do tecido empresarial. O evento celebrouse no salón de graos da facultade e tamén se puido seguir en directo por medio de Campus Remoto.
Tres xornadas de debates e relatorios
Na tarde do mércores 24, a partir das 15.30 horas tivo lugar o acto de inauguración. Posteriormente, a primeira sesión centrouse na vulnerabilidade feminina na antigüidade, con relatorios sobre a situación da muller na antiga Roma, o exilium feminino e o activismo político no Principado, o fenómeno da spose bambine na antigüidade ou a protección da nai no ius civile, entre outras temáticas.
A segunda xornada do congreso, o día 25, contou cunha mesa redonda para debater sobre a necesidade ou non dun dereito penal con perspectiva de xénero. Neste bloque abordáronse temas como a resposta dos tribunais ante algunhas condutas delituosas realizadas por mulleres ou os delitos de violencia doméstica ou de xénero. Tamén se falou sobre como é denunciar a corrupción sendo muller. A segunda parte da mañá do segundo día estivo dedicada a debater sobre o dereito procesual con perspectiva de xénero, con relatorios sobre a protección dos dereitos das persoas vulnerables; a vulnerabilidade do xénero no sistema de xustiza penal; a proba da violencia sexual ou os conflitos interxeracionais e a mediación familiar.
Xa pola tarde, despois dunha sesión de presentación de comunicacións, desenvolveuse outra mesa redonda sobre a protección do dereito laboral das mulleres, na que se trataron temas como a negociación colectiva como mecanismo para a protección das traballadoras en situación de vulnerabilidade; o impacto da violencia doméstica na muller traballadora ou a igualdade como piar empresarial. Tamén se abordaron aspectos relacionados coa inserción laboral da muller, os coidados domésticos e a economía somerxida e co síndrome da insuficiencia, entendido como lado escuro das mulleres máis brillantes.
O congreso pechou o día 26 coa presentación de comunicacións e cunha última mesa redonda sobre perspectiva ética e historia das mulleres. Nela, as e os expertos debateron sobre a dimensión performativa do concepto de vulnerabilidade; a vulnerabilidade e o xénero; a xudicatura como actor político na construción da vulnerabilidade; ou os riscos e percepcións da vulnerabilidade nos espazos público da cidade. Tamén se abordou a figura de Penélope e os seus mecanismos como aristócrata para neutralizar a vulnerabilidade, así como a práctica da damnatio memoriae ou condena da memoria na dinastía Severa, centrándose nos casos de Iulia Soemias e Iulia Mamea.