O xoves 30 de outubro tivo lugar no campus vigués a segunda edición da Xornada sobre linguas, tradución e cousas xurídicas, unha iniciativa posta en marcha por un equipo de docentes das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Filoloxía e Tradución como unha “oportunidade única” para reflexionar, compartir experiencias e fortalecer os lazos entre o ámbito xurídico e o lingüístico. Foi no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, cun programa aberto ao público en xeral pero pensado especificamente para o alumnado dos últimos cursos de ambos centros.
“Queremos mellorar as oportunidades de formación e especialización para o noso estudantado”, subliñou o profesor da FFT Alberto Álvarez Lugrís, membro do equipo organizador xunto con Marta García Mosquera e Pablo Riquelme, de CC Xurídicas, e Susana Cruces, Valentina Marta e María Méndez, da FFT. Todos fixeron fincapé en que pola banda da FFT o alumnado de tradución precisa máis contacto e coñecemento do campo xurídico para poder exercer a tradución e interpretación xuradas e tamén a tradución e a interpretación xurídicas; mentres que, pola banda do alumnado de Ciencias Xurídicas, necesitan entender os dereitos lingüísticos das persoas implicadas en procesos xudiciais, coñecer as directivas sobre a linguaxe clara do poder xudicial etc.
A maiores, o equipo organizador da xornada fixo fincapé en que esta actividade debe servir como un primeiro foro de debate profesional para o alumnado dos últimos cursos das dúas facultades, que están a piques de entrar no mercado laboral e, ao tempo, converterse en “lugar de encontro dos intereses pedagóxicos e investigadores das dúas facultades e contribuír a fomentar a colaboración interdisciplinaria entre os distintos centros da Universidade de Vigo”, recalcou Álvarez Lugrís.
“Un proxecto conxunto entre persoas lingüistas/tradutoras e xuristas”
Na primeira xornada, celebrada o pasado 23 de abril, participaron como ponentes catro docentes da UVigo: María Méndez e Valentina Marta, da Facultade de Filoloxía e Tradución, e Marta García e Pablo Riquelme, da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. “Tratábase de experimentar un proxecto conxunto entre persoas lingüistas/tradutoras e xuristas, dende a nosa convicción da necesaria colaboración entre eses ámbitos en todo o que ten que ver coa comprensión e tradución da linguaxe xurídica”, explica Marta García Mosquera, ao que engade que nese momento xa decidiron falar da “primeira edición” da xornada, na confianza de darlle continuidade no futuro, e consolidala como un “foro permanente de encontro interdisciplinar e de formación para o alumnado das dúas facultades”.
Esa primeira xornada tivo unha “excelente acollida” entre o estudantado, e, de feito, foron eles e elas os que pediron que se celebrasen novas edicións, “é así o fixemos”. Agora, neste segundo encontro, a iniciativa conta xa co apoio económico do Consello Social, do Instituto iLingua, do Departamento de Tradución e Lingüística e do Departamento de Lingua Española, así coma da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo que acolle a xornada.
“A linguaxe clara é unha das bases dun sistema xudicial xusto”
Entre as novidades destacan a participación de persoas alleas á UVigo, entre elas a profesora Anush Sukiasyan (Armenia), membro da xunta de Clarity International, a organización internacional da linguaxe clara, que ademais é intérprete xurada. “A linguaxe clara é unha das bases dun sistema xudicial xusto, igualitario e transparente porque facilita o acceso da cidadanía e a súa participación na xustiza”, subliñou Álvarez Lugrís.
O docente tamén destaca como “unha grande oportunidade” a participación da maxistrada de enlace na República francesa Silvia Martínez Cantón. “A súa experiencia internacional é clave para o alumnado de Dereito, de cara a coñecer saídas profesionais, e para o alumnado de Tradución para entender as necesidades de tradución e interpretación que se dan nos casos penais ou civís de ámbito internacional”. Como colofón, contaron coa intervención da intérprete xurada Beatriz Fariñas Garrote, que falou da profesión e das súas saídas laborais. “En suma, xunto con Marta García Mosquera un plantel inigualable para ampliar a formación do alumnado de ambas facultades”, recalcou o coordinador.