Máis de 180 centros educativos de Galicia visitaron entre o mércores 8 e venres 10 de outubro o XIV Salón de Educación e Formación de Galicia, Edugal, que se desenvolve no recinto feiral do Pazo da Cultura e no que a UVigo busca achegar ao estudantado a amplitude da súa oferta formativa. Xunto a un espazo de información xeral da Universidade, un total de 22 centros dos tres campus contan neste 2025 cun stand propio no evento promovido pola Asociación da Pequena e Mediana Empresa Aempe e o Concello de Pontevedra, co patrocinio, entre outras institucións, do Consello Social da UVigo.
A UVigo ocupa máis dun terzo dos 64 stands de institucións educativas, organizacións e entidades empresariais reunidas nun evento no que os promotores felicitáronse de ter superarado os 10.000 asistentes rexistrados en anteriores edicións. O mércores 8 celebrouse o acto inaugural, presidido polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez e no que participou o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.
[Fai clic nunha das imaxes para amplialas e abrir o visualizador]
Ao longo das tres xornadas, as e os visitantes de Edugal coñeceron a oferta formativa de 22 facultades e escolas, con informacións tanto do seu persoal docente como do estudantado de diferentes centros. Ademais de asesorar ás e aos visitantes, varios destes postos permitiron tamén achegarse dun xeito práctico ás saídas profesionais vinculadas ás diferentes titulacións e ao labor investigador que se desenvolve nos diferentes centros a través de experiencias e de mostras de traballos e materiais.



