Un estudio pioneiro sobre o valor social da UVigo, realizado polo Consello, estima que cada ano xera cerca de 388 M€

2025-10-22T13:32:55+00:0022 de Outubro de 2025|Novas, Responsabilidade social|

O Consello Social fixo público o martes 21 de outubro no Campus de Ourense o primeiro Informe de Valor Social Integrado da UVigo, un estudo pioneiro que cuantifica en termos monetarios o valor económico e social que xera a institución académica para os seus distintos grupos de interese e para o conxunto da sociedade galega. Nel destácanse cifras como a de xerar máis de 387,7 millóns de euros en valor social anual e que por cada euro de financiamento público que recibe retorna 1,95 euros.

O traballo, promovido e financiado polo Consello Social da Universidade de Vigo, foi elaborado por Andrés Mazaira, Isabel Diéguez e Ana Gueimonde, profesores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e membros do Grupo para a Análise Empresarial. O documento, sinalaron na súa presentación, dá continuidade aos informes de impacto económico da UVigo desenvolvidos en 2019 e 2021 polo mesmo equipo e “supón un salto cualitativo cara a unha visión máis integral da contribución universitaria, alén das cifras macroeconómicas habituais”.

Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, afirmou que “con este estudo pioneiro na universidade galega, seguimos cumprindo co noso compromiso de non só buscar a eficiencia económica da institución universitaria, senón tamén de pór cifras ao que a nosa institución retorna á sociedade”. Máis alá dos datos económicos, sinalou, “queremos poñer o foco na nova universidade que asoma e na forza social que debe recibila e acompañala. Con estes datos será máis doado demostrar a relevancia social da UVigo como institución pública e como forza clave de transformación económica e social do territorio que nos acolle e nos importa”.

Identificar, medir e monetizar os efectos positivos que xera  a UVigo

Isabel Diéguez e Andrés Mazaira na presentación do documento

No acto, Andrés Mazaira e Isabel Diéguez foron os encargados de expor en detalle o informe que tivo como obxectivo identificar, medir e monetizar os efectos positivos que a Universidade xera para os seus grupos de interese ou stakeholders, tales como o estudantado, o persoal docente e investigador, os egresados, as empresas, as administracións públicas e a sociedade no seu conxunto. Para a elaboración do estudo, o equipo da UVigo realizou “un proceso de diálogo con grupos de interese, identificación de variables relevantes e uso de indicadores e valores proxy para asignar valores monetarios a dimensións como a mellora da empregabilidade, a contribución ao benestar ou a creación de redes territoriais de innovación”.

A análise foi elaborada seguindo a metodoloxía do valor social integrado, que integra o valor económico social (vinculado á actividade económica directa da Universidade e o seu efecto multiplicador no territorio) e o valor social específico (vinculado aos beneficios non monetarios pero tanxibles derivados da actividade docente, investigadora e institucional). Para facer esta valoración, o equipo escolleu como ano de estudo o exercicio 2023. Nel identificaron que o valor social integrado xerado pola Universidade de Vigo situouse nos 387,7 millóns de euros, dos cales 189,2 proceden do valor económico-social; 198,5 son atribuíbles ao valor social específico e 78,35 millóns son retorno ás administración públicas. Estes datos supoñen, sinala o equipo investigador, que “por cada 100 euros de financiamento público recibido pola Universidade da Xunta de Galicia esta devolve aos seus stakeholdeers, é dicir retorna á sociedade, un valor estimado en 195 euros, unha ratio que reforza a idea da educación superior como investimento público rendible e estratéxico”. Relacionando estas cifras con diferentes grupos de interese, no informe tamén es indica que o valor social integrado por estudante ascende a 19.692 euros o de empregados a 131.114 euros. En canto ao valor social integrado do campus de Ourense, a extrapolación dos datos permite cuanficalo no informe en arredor de 97 millóns de euros.

O valor social integrado, subliñan os autores do estudo, supón a cuanficación do retorno positivo da Universidade á sociedade. O estudantado, enumeran, benefícianse de mellores condicións laborais, ingresos e calidade de vida; o persoal da UVigo accede a mellores oportunidades de desenvolvemento profesional e estabilidade; o tecido empresarial e institucional obtén valor vía colaboración, transferencia, innovación ou formación de capital humano e a cidadanía e o territorio reciben impactos positivos en forma de cohesión social, difusión cultural, igualdade de oportunidades e sostibilidade.

“O estudo permite concluír que a Universidade de Vigo é un axente clave de transformación económica e social no seu ámbito de influencia. A súa actividade non só rende contas do gasto público, senón que amplifica o investimento mediante beneficios multidimensionais para a sociedade”, comentan a modo de conclusión os responsables do estudo. A  realización deste informe, engaden, “permite transcender o paradigma contable tradicional, incorporando á xestión universitaria ferramentas de avaliación que ofrecen a posibilidade de mellorar a rendición de contas da institución universitaria , deseñar políticas máis eficaces e fortalecer a relación coa contorna”. Con este documento, apuntan por último, “a UVigo, a través da acción do seu Consello Social, segue dando pasos na rendición de contas converténdose nun referente de metodoloxías de medición do impacto social, contribuíndo a unha nova cultura institucional centrada na creación de valor compartido”.

Pódese descargar o informe facendo clic na imaxe ou nesta mesma ligazón [PDF, 1.8MB].