Cestaría, patronaxe, bordado ou confección de tote bags son algúns dos dez cursos que, ao longo desta semana, ampliarán a formación do estudantado da Facultade de Deseño, no marco da programación de Debut25, unha edición máis do desfile no que os novos titulados e tituladas no Máster en Deseño e Dirección Creativa en moda presentan as coleccións que desenvolveron como traballos de fin de mestrado, evento que o venres 21 de novembro terá lugar no Pazo da Cultura. Ao longo desta semana o desfile estará precedido por un programa de actividades formativas, dirixidas tanto ao alumnado do mestrado como ao do Grao en Deseño e nas que participan preto de 200 estudantes. Ademais, nesta programación insírense tamén conferencias abertas a toda a cidadanía e a exposición, no Museo de Pontevedra, da colección que un grupo de estudantes realizou en colaboración con Bimba y Lola e Palomo Spain.
Obradoiros toda a semana
O programa formativo de Debut25, que conta coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia, arrancou o luns 17 de novembro con actividades tales como o curso de introdución a técnicas de cestaría aplicadas á pel, impartido por Idoia Cuesta, deseñadora galardoada no ano 2014 co Premio Nacional de Artesanía. Tamén nesta xornada, a facultade acolleu un obradoiro de técnicas de bordado profesional aplicadas ao deseño de moda, impartido pola deseñadora Elena Rial, que en 2013 logrou o primeiro premio de Debut, gañando tres anos despois o premio Mercedes Benz Fashion Talent no Ego da Madrid Fashion Week. Vicky Cordero, outra deseñadora formada neste título propio, posteriormente substituído polo actual mestrado, é a responsable doutro dos obradoiros desta xornada, centrado na xastrería e na experimentación coa patronaxe. Cordero e Rial, así mesmo, protagonizaron na tarde deste luns unha mesa redonda na que afondan nos seus procesos de traballo.
Da man da deseñadora gráfica e téxtil Marta Lloria, o luns e o martes celebrouse un obradoiro de deseño e confección de tote bags corporativas, no que o alumnado traballou no deseño das bolsas que se lle entregarán ao tribunal do desfile. Tamén o martes comezou un curso de introdución á fabricación de calzado, impartido por Noemí Vidal e outro de impresión 3D de accesorios de moda, a cargo do técnico da UVigo Xosé Manuel Rodríguez. Pola súa banda, Félix Pérez Oliveira, creador da marca especializada en sombreirería Félix de Martín, encargouse o mércores de achegar ao alumnado ás técnicas de traballo con volumes.
O xoves terá lugar un obradoiro centrado no manexo da aloutte machine, unha imprenta itinerante, completándose esta programación formativa na mañá do venres, co seminario no que Heriberto Otero afondará na posta en escena dunha colección de moda.
Colaboración con Bimba y Lola e Palomo Spain

Algún dos deseños froito da colaboración con Bimba y Lola e Palomo Spain
No marco desta programación, desde este martes 18 poden verse no Museo de Pontevedra os deseños desenvolvidos por 15 estudantes do mestrado para un proxecto de upcycling realizados xunto con Bimba y Lola e Palomo Spain. Ao abeiro dun convenio de colaboración coa Universidade, responsables destas empresas impartiron unha serie de sesións formativas a partir das cales o alumnado seleccionado traballou no redeseño e intervención dunha colección desenvolvida por ambas firmas. Os resultados finais foron presentados nun acto en Madrid e poden verse ata o domingo 23 no Edificio Castelao do Museo.
Como “unha colaboración única” na que “vangarda e deseño danse a man nunha cápsula que reinterpreta e crea de novo algúns elementos icónicos das coleccións de Bimba e Palomo” presentábase un proxecto resultado do “frutífero encontro” entre o alumnado do mestrado, o equipo de deseño de Bimba y Lola e Alejandro Gómez Palomo. Deste traballo conxunto xurdiron propostas que fan uso da serigrafía ou dos bordados en 3D, que desestruturan unha chaqueta “para deixar á vista o que normalmente se oculta” ou que dan volume a unha cazadora “con pelo sintético ou plumas”, segundo salientan as firmas promotoras.
Alicia Bonilla, Andrea San Miguel, Lucía González, Marina Pérez, Luiselena Tilve, Manuel López de Silanes, Fernando Búa, Alicia Gómez, Claudia Pinaque, Álvaro Brea, Sabela Alonso, Tuset, Celia Vilariño, Ruth Vidal e Alba Caballero son as e os estudantes participantes nun proxecto que ao longo desta semana amosa os seus resultados no Museo de Pontevedra, nunha exposición que será presentada na tarde do xoves 20, nun acto que contará coa participación de Alejandro Gómez Palomo.
Debut 2025 conta co apoio do Consello Social da Uvigo, do Concello de Pontevedra, da Vicerreitoría do campus, da Fundación Artesanía de Galicia, da Xunta de Galicia, da Fundación Bimba y Lola e da Deputación e Museo de Pontevedra.
O venres 21, o recinto feiral do Pazo da Cultura acollerá o desfile no que se poderá coñecer estes 15 proxectos e mais unha serie de propostas realizadas polo alumnado do primeiro do curso do mestrado. O evento dará inicio ás 20.00 horas e ten un prezo de entrada de 5 euros. Ademais, as coleccións realizadas como TFM permanecerán expostas os dous días seguintes na sala de exposicións do pazo, onde se poderán contemplar o sábado 22 de 16.00 a 20.00 horas e o domingo 23 de 12.00 a 14.00 horas. Nesta ligazón podes descargar o programa completo [PDF].